Esta alternativa aos medicamentos de vía oral promete mellorar a calidade de vida de enfermos e coidadores evitando que se esquezan de administrar doses.
O alzheimer afecta ao 12% dos galegos e galegas maiores de 65 anos
Os laboratorios Novartis presentaron un novo tratamento para o Alzheimer que consistirá nun parche transdérmico (que pasa mediante a pel). Segundo os impulsores deste método, o parche reducirá os efectos gastrointestinais e facilitará aos coidadores "a correcta administración, unha das problemáticas para o tratamento do Alzheimer". Isto fai referencia a que este novo tratamento vai evitar que os pacientes que adoiten recibir o tratamento por vía oral esquezan tomar a súa dose.
Tendo en conta que o 73% das persoas que padece esta doenza precisa axuda para xestionar e tomar os seus medicamentos, as melloras que prometen os laboratorios Novartis suporían unha mellora na calidade de vida tanto dos enfermos como dos coidadores. Até agora os tratamentos para a enfermidade de Alzheimer administrábanse por vía oral, sendo os inhibidores da colinesterasa a base da súa composición.
70 mil galegos padecen hoxe de Alzheimer
O Alzheimer é unha enfermidade dexenerativa provocada pola perda gradual de neuronas cerebrais causando que se atrofien certas partes do cerebro. Caracterízase por un deterioro cognitivo e trastornos na conduta que se manifestan mediante alteracións nalgunha das nosas funcións fundamentais como a memoria ou a linguaxe.
Trátase dunha enfermidade habitual entre as persoas de avanzada idade, e hoxe en día padécena en Galiza unhas 70.000 persoas maiores de 65 anos, o que supón o 12% da poboación de ese grupo de idade.