Por outra banda, logo da difusión dun vídeo, o Exército estadounidense confiscou á tropa alí destinada exemplares da Biblia en idiomas locais.
Tombas dos mortos
O presidente de Afganistán, Hamid Karzai, ordenou ás autoridades e a Policía de Farah que investigue o bombardeo que esta cuarta feira levou a cabo a aviación estadounidense nesta provincia occidental, e no que morreron un número indeterminado de civís aínda sen confirmar.
A deputada Beliqees Roshan asegura que podería haber máis dun cento, cifra tamén apuntada polo voceiro da Policía, Abdul Ghafar Watandar, en base ao testemuño dos habitantes da zona. Un equipo do Comité Internacional da Cruz Vermella que se desprazou ao lugar dixo ver os cadáveres de "ducias" de persoas, entre estes mulleres e nenos. Ademais, segundo explicou a voceira desta organización, Jessica Barry, entre os finados hai tamén un traballador da Media Lúa Vermella afgá, e trece membros da súa familia, cuxa vivenda foi bombardeada.
Os veciños trasladaron camións cheos de cadáveres á capital da provincia. O gobernador, Rohul Amin, explicou que á súa oficina chegaron uns 30 cadáveres, a maioría de mulleres e nenos.
O mando militar de EUA admitiu a súa participación no ataque e anunciou a apertura dunha investigación para esclarecer o sucedido.
Biblias traducidas aos idiomas locais
Por outra banda, o mando militar tamén comunicou que os exemplares da Biblia traducidos aos idiomas máis falados en Afganistán, que tiña a tropa nunha base militar, foron confiscadas e destruídas para asegurar que as tropas non fagan proselitismo.
O Exército de EUA negara que os seus soldados intentasen converter os afgáns ao cristianismo logo de que a cadea de televisión Al Jazeera emitise imaxes de militares con numerosos exemplares da Biblia nos idiomas locais, o pastún e o darí ou persa afgán.