Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UNIVERSIDADES

Os Comités seguen pechados contra a reforma do CAP

A organización estudantil reuniuse este martes co vicerreitor da USC pero consideran insuficientes os pequenos acordos aos que chegaron. Vídeo no interior.

Vídeo: Isabel G. Couso / Texto: Pablo García Martínez - 18:00 05/05/2009

Os Comités, asociación nacionalista de estudantes, comezaron o pasado luns un peche na reitoría da USC que se manterá, como mínimo, até o vindeiro mércores. Con esta medida pretenden protestar contra a mudanza do que antes era coñecido como Curso de Adaptación Pedagóxica (CAP) por considerar a alternativa un "elemento excluínte, segregacionista e elitista que vai limitar a posibilidade dos estudantes de encamiñar o seu futuro laboral cara a docencia".

Este curso, que antes tiña unha duración de só seis meses, converterase dende o vindeiro ano nun mestrado que terá unha duración de un ano. A asociación estudantil critica o aumento de prezo que segundo eles vai traer consigo (pasando de 600 a 1200 ou 1700 euros), a redución do número de prazas e tamén outros aspectos como o propio aumento da duración ou a imposibilidade de tirar o curso sen acudir ás aulas.

Que non te CAPen co Mestrado
Este é o nome que recibe a campaña coa que os Comités están protestando contra a conversión en mestrado do CAP, e comezou co peche de estudantes nas universidades de Compostela e Coruña. En Coruña un grupo de alumnos levan acampados dende o luns na Faculdade de Filoloxía, mentres que en Compostela son oito as mozas e os mozos que fan garda ao pé do despacho do Vicerrector de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló.

O mércores será unha xornada de moita actividade, xa que se realizarán concentracións nas faculdades de Compostela, Coruña e Ourense, ademais de outros actos reivindicativos no resto de campus universitarios do país. Por outra parte os peches manteranse mentres os estudantes non consideren saciadas as súas reclamacións, ou ben mentres lles duren os folgos.


2,78/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: