Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AXUDAS DA POLÍTICA AGRARIA COMÚN

Multinacionais e grandes terratenentes seguen sendo os que máis diñeiro reciben da UE

Continúase primando o feito de manter as terras en boas condicións, sen esixirlle aos seus propietarios que as convertan en produtivas.

P.G.M. - 08:00 05/05/2009
As achegas da UE seguen sen cubrir as necesidades da maioría de gandeiros e agricultores do país

As achegas da UE seguen sen cubrir as necesidades da maioría de gandeiros e agricultores do país

Os datos do reparto das axudas recollidas na Política Agraria Común (PAC) para o exercicio 2008 revelan que as multinacionais e os grandes terratenentes continúan sendo os que reciben maiores retribucións da UE. Esta tendencia é o resultado da política de 'desacoplamento das axudas', no seu modelo de pagamentos únicos, que establece como aval necesario para recibir subvencións posuír unhas determinadas unidades de terra útil.

No estado español a empresa que máis diñeiro recibiu foi Azucareras Reunidas de Jaén S.A. (31,4 millóns de euros), nunha lista que encabezan varios grupos vinícolas e administracións públicas como a Xunta de Galicia (na sétima posición con máis de 11 millóns de euros). No resto de países da UE tamén foron empresas multinacionais as que recibiron maiores achegas mais chama a atención o medio millón de euros que apañan polas súas posesións a raíña de Inglaterra e o duque de Westminster, ou os 180.000 euros do príncipe dese mesmo reino.

'Axudas desacopladas'
Este modelo de subvencións, que entraron en vigor cando Fraga e Aznar esgotaban os últimos anos dos seus mandatos, dan unha serie de dereitos de cobro (pagamentos únicos) aos traballadores e ás traballadoras do rural dependendo das súas potencialidades produtivas. Mais á hora de recibir cada un dos pagos, tal e como nos explican dende o Sindicato Labrego Galego (SLG), só é necesario ter unha determinada cantidade de terra en boas condicións medioambientais e agrarias. Polo tanto, esíxese que a terra poda ser traballada, pero os seus propietarios non teñen que facelo para recibir as achegas económicas.

Este é o modelo das 'axudas desacopladas', para as que é necesario ter as condicións produtivas pero non sacarlles partido. Isto permite que grandes terratenentes reciban importantes cantidades de diñeiro sen necesidade de adicarse á agricultura ou á gandaría, e fai que as maiores subvencións vaian destinadas ás empresas multinacionais. Igual que no resto de Europa, en Galiza a maioría do diñeiro que chega dende a PAC ven 'desacoplado' (tamén hai unha porcentaxe, menor, de axudas que teñen en conta a produción: axudas acopladas), polo que aínda que case todos os produtores reciben algún diñeiro trátase de ínfimas proporcións do que envía a UE. Isto vese aquí acentuado pola escaseza de terras á que se enfrontan moitos dos labregos e gandeiros do país, en comparación con outros lugares da Europa Comunitaria.

Estes datos son públicos dende que unha lei europea do ano 2005 obriga aos estados membros a publicar os beneficiarios do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (FEAGA) e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). Estes datos recollen o acontecido durante o exercicio anterior e deben publicarse antes do 30 de abril.


4,29/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: