A multinacional pospón, de momento, a planta de rodaballo mais non desbota proseguir coa iniciativa dentro duns anos.
"Ninguén ten nas súas mans unha bola de cristal para saber cales serán as circunstancias nos vindeiros anos", dixo o presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa-Faro, ao respecto dunha futura planta piscícola en Touriñán. Na actualidade este proxecto está posposto, tal e como recoñeceu o dirixente da multinacional, logo de que a Xunta de Galiza rexeitase esta situación no seu plan acuícola pola súa afección á Rede Natura e polo forte impacto paisaxístico que causaría. Con todo, Fernández de Sousa deixou a porta aberta ao seu desenvolvemento futuro e subliñou que non descarta retomar a iniciativa nos vindeiros anos.
Deste xeito e segundo informa a axencia internacional de noticias Fis, lamentou que se tivera perdido "unha grande oportunidade", xa que para levar adiante o proxecto, Pescanova carece agora dos fondos europeos necesarios, ademais de estar inmerso noutras iniciativas. Así, amosou o seu pesar porque, por mor daquela decisión da Xunta, non se puidera xerar "nin emprego nin riqueza" na zona, como si tería pasado de levarse adiante a construción da piscifactoría.
Outros proxectos
Na actualidade, Pescanova traballa na consolidación das súas fortes inversións na planta de rodaballo de Mira (Portugal) e nunha granxa de cultivo de langostino en Nicaragua. Ademais, a compañía ten entre os seus obxectivos ampliar a instalación da súa filial Insuíña, no concello de Oia.