Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Por estar en zona protexida e polo seu alto impacto paisaxístico

A Piscifactoría de Touriñán xa foi rexeitada

O proxecto afectaría a hábitats prioritarios protexidos pola Rede Natura 2000

O nefasto Plano Acuícola promovido durante o bipartito, refritido daqueloutro "Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria" aprobado in extremis durante o último governo Fraga, incluía un estudo de viabilidade dunha piscifactoría en Cabo Touriñán. Esta ubicación declarouse NON APTA pola súa critica afección á Rede Natura, o forte impacto paisaxístico e ao rexeitamento de amplos sectores sociais e cidadás.

ADEGA - 11:52 06/03/2009
Tags:

O atentado á Rede Natura en Touriñán supoñía a destrucción dunha ampla superficie de hábitats cuxa conservación está considerada prioritaria pola Directiva Hábitats 92/43 da Unión Europea, de obrigado cumprimento para todo o estado español. A construcción dunha instalación que soterraría baixo 300.000 m2 de cemento e plástico as comunidades vexetais da coberteira, resultaba manifestamente INCOMPATÍBEL coa conservación destes hábitats naturais obxecto de protección prioritaria (véxase o texto da Directiva 92/43 CE).

O Sr. Negreira, Presidente do PP da Coruña e principal valedor da "resurreción" do proxecto, aduce que esta planta non provocou no pasado protestas sociais contra a súa construcción. ADEGA quere lembrarlle as mobilizacións de numerosos colectivos cívicos (SOS Touriñán) e as declaracións de experto/as da comunidade científica e universitaria contra por esta planta, e advírtelle que peca de inxenuo se pensa que non vai a haber oposición social.

Resulta curioso comprobar que o fillo putativo daquel plano do PP, o Plano Acuícola actual, foi realizado pola mesma consultora e nel se recoñecen como criterios de rexeitamento para Touriñán:
-A falta de aceptación dos axentes sociais.
-A afección a paisaxes singulares e ou de especial relevancia.
-O impacto negativo sobre unha Zona Turística ou de promoción turística (Costa da Morte).
-A imposibilidade de mimetización dos impactos visuais (a menos que, como consideraba o ex-alcalde de Muxía, Sr. Blanco, os tanques de engorde dos rodaballos non se diferencian moito das vivendas castrexas SIC)
-A imposibilidade dunha repercusión medioambiental mínima.

Así as cousas, ADEGA rexeita con rotundidade a posibilidade de retomar o proxecto de piscifactoría en Touriñán, polo seu gravísimo e incuestionábel impacto ecolóxico.

Podemos darlle as voltas que se queiran, pero os hábitats prioritarios presentes en Touriñán, xoias da nosa biodiversidade, fican alí para poñer en evidencia o descoñecemento e a prepotencia do Sr. Carlos Negreira, ao que lle recomendamos que se informe antes de realizar tan delirantes propostas.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: