O principal grupo da Eurocámara asinou esta quinta feira en Varsovia o Manifesto electoral co que concorrerán ás eleccións de xuño.
O Partido Popular Europeo (PPE), a maior forza política do Parlamento Europeo, pediu esta cuarta feira confianza nos "valores europeos" de "solidariedade" e "responsabilidade" para superar a crise mundial, no lanzamento da súa campaña electoral.
Os líderes conservadores da UE reúnense estes días en Varsovia (Polonia) no Congreso Extraordinario do que é actualmente o principal grupo da Eurocámara. Esta quinta feira aprobaron o Manifesto electoral co que concorrerán ás eleccións de xuño.
"Máis que unha crise financeira é unha crise de valores", sinalou ao portugués José Manuel Durão Barroso, presidente da Comisión Europea. "Os valores da liberdade, si, mais a liberdade xunto coa responsabilidade, a liberdade coa solidariedade deben ser o centro das nosas sociedades. Estes son os valores europeos", afirmou.
Manifestación
Ao dar a benvida aos seus invitados, o primeiro ministro polaco Donald Tusk, cuxo país adheriuse á UE hai cinco anos xunto con outros países do Leste, fixo tamén fincapé na "solidariedade" entre os antigos e os novos membros. Os novos están "dispostos a compartir a determinación, a fe de que Europa sairá fortalecido da crise, grazas a un retorno aos valores fundamentais", dixo.
Por outra banda, segundo informan as axencias internacionais, arredor de 1.500 traballadores dos estaleiros polacos de Gdansk -onde nos oitenta naceu o movemento Solidariedade, de Lech Walesa- manifestáronse ás portas do Pazo da Cultura de Varsovia, onde se desenvolve o congreso, para exixir unha solución que evite o desmantelamento destas instalacións. Dez obreiros resultaron feridos, dous destes de gravidade.