Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reunión da conselleira con UXT, CIG e CCOO

Mato promete diálogo fluído e os sindicatos alertan dos ERE inxustificados

A conselleira asegurou que haberá decisións consensuadas, contido para o plan de competitividade e contacto permanente no actual escenario de crise.

Redacción - 19:00 29/04/2009

"Será necesario dotalo dun contido orzamentario e de prazos dos que até o de agora carecía", apuntou este mércores a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, ao respecto dun dos primeiros compromisos estabelecidos polo propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, de aproveitar o plan de competitividade acordado polo anterior executivo cos axentes sociais.

Mato reuniuse nesta xornada cos secretarios xerais das forzas sindicais maioritarias, UXT, CIG e CCOO, e asegurou ter tomado nota das advertencias realizadas polos representantes dos traballadores sobre os Expedientes de Regulación de Emprego (ERE). Ao fío admitiu a existencia dun incremento "preocupante" destes procesos de despedimento masivo. Segundo os números da consellaría, son un total de 292 ERE durante o primeiro trimestre, afectando arredor de 7.000 traballadores. A maioría foron solicitados en Pontevedra, sumando 161. A conselleira continuará a rolda de presentación do seu equipo aos axentes sociais este xoves, cunha xuntanza co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla.

Despidos inxustificados
O asunto dos ERE foi unha das preocupacións subliñadas polos representantes sindicais na reunión coa conselleira, xa que Beatriz Mato realizara esta semana unhas polémicas declaracións nas que afirmara que axilizaría estes procesos. Sobre o tema, os líderes sindicais advertiron da "alarma" xerada por estas declaracións, agoirando que "poden darlle a entender aos empresarios que teñen a porta aberta" para optar por esa vía.

"Hai que ter coidado con este tipo de declaracións, que poden xerar alarma e indican que se está máis dunha posición que da outra", sinalou Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral de CCOO. Recordou Aguión que o ERE é un instrumento "para resolver problemas conxunturais" dunha empresa e que debe ser usado de xeito responsábel e non para "actuar impunemente". No mesmo sentido, Xosé Antonio Gómez, da UXT, solicitoulle á conselleira que se controlen máis os expedientes relacionados con estes despedimentos que chegan á administración e en especial aqueles que chegan sen consenso cos representantes sindicais.

Por parte da CIG, Suso Seixo prognosticou que, do mesmo xeito que xa se presentaron máis ERE no primeiro trimestre deste ano que en todo o ano anterior, é probábel que a situación empeore a curto prazo. Na mesma liña que as outras forzas sindicais, pediu por este motivo maior "rigor" para vixiar as posíbeis fraudes. Doutra banda, Seixo salientou a demanda da CIG a prol de medidas "estruturais" e esixiu a presentación dun "plan de emprego para Galiza, con medidas concretas e partidas presupostarias".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: