A pontevedresa acaba de proclamarse campioa estatal sub-23 de duatlón nun ano en que semella preparada para dar un novo salto de calidade na súa carreira deportiva.
Saleta Castro
Saleta Castro (Pontevedra, 1987) está catando nos últimos meses o sabor da vitoria, e despois de rematar o ano pasado como líder da listaxe estatal de triatlón, acaba de proclamarse campioa sub-23 e terceira clasificada na categoría absoluta. Compaxinando o seu traballo como externa no CGTD co estudo de Maxisterio en Educación Física, Saleta continúa medrando como deportista sen présa, mais tamén sen pausa.
Vieiros: Como coñeciches o triatlón?
Saleta Castro: Foi aos 13 anos facendo duatlón escolar. Eu daquela practicaba salvamento, natación e atletismo, e como tiña que compaxinalo todo co instituto ía correndo dun lado para outro. O meu adestrador faloume desta disciplina e ese mesmo ano fixen o meu primeiro triatlón. Ao rematar esta carreira xa me ofreceron entrar no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), porque ese ano entraba a disciplina de triatlón, e levo aquí máis de sete anos.
En que mudou o teu método de traballo a chegada ao CGTD?
En todo. Pasei de adestrar cousas diferentes e compaxinalas co instituto a ter todo xunto, cun horario e con todo estruturado para que deporte e estudo tiveran o seu sitio. Agora estou fóra do centro, de externa, pero xa traballo coa disciplina que adquirín gracias a estes anos alí.
Que parte de culpa no éxito do triatlón galego pensas que lle corresponde ao traballo feito no CGTD?
Moita, porque aos nenos de agora gústalles saír e ven o deporte só como unha diversión. Cando veñen aquí tómano máis en serio, e para iso axuda compartir espazo con deportistas xa formados como David Cal ou Teresa Portela. Iso impúlsanos a centrarnos en estudar e adestrar, aínda que teñamos sempre claro que é moi difícil vivir disto. O que fas para contrarrestar iso é buscar outras motivacións, como pode ser as viaxes para participar nas competicións internacionais.
Que referentes tiveches durante o teu crecemento como deportista?
Esa pregunta é moi complicada. Eu sempre tiven presente a figura de Javier (Gómez Noya) porque era compañeiro e amigo. Despois tamén hai que falar de Raña, que impulsou o triatlón en Galiza. A nivel de mulleres non tiven nunca ningún referente.
Se cadra a xeración de mulleres á que pertences podedes convertervos en referentes para as rapazas que comezan agora no triatlón, non che parece?
Estaría ben, pero cada un debe pensar o que lle peta, non guiarse de máis polos outros. O que está claro é que ao compartir espazo con nenos máis pequenos mírante como un espello e fíxanse no que fas. Somos un referente, pero non porque esteamos a outro nivel, senón porque xa fixemos o mesmo que están facendo eles agora.
Se tiveras que falar dalgúns dos nenos e nenas que poden estar na primeira liña do triatlón galego no futuro, a quen nomearías?
É complicado, porque até que se chega a absoluto non está definido o que podemos dar cada un. En rapaces está xente como Óscar Vicente, Álvaro Villa ou Roberto Barral e en rapazas, por exemplo, prometen bastante as irmás Melina e Camila Alonso. Son nenos e nenas con futuro, pero quédalles moito por diante. Eu sempre digo que o triatlón é unha carreira de resistencia, máis alá da competición.
En cal das tres disciplinas te desenvolves ti mellor?
O meu punto forte é que son moi regular nas tres, pero onde me sinto máis cómoda é enriba da bicicleta.
Como repartes o teu tempo entre os estudos e o deporte?
Agora está nun primeiro plano o triatlón e despois os estudos. A estudar sempre vou ter tempo e os anos de pleno rendemento da vida deportiva son poucos. Decidín aproveitar que cheguei ben a esta idade para centrarme máis no triatlón, pero sen deixar de lado os estudos.
Cales son os teus obxectivos deportivos a curto e medio prazo?
Aínda teño un ano máis en sub-23 e gustaríame empezar a rematar entre as 10 primeiras en probas europeas da miña categoría, ou conseguir clasificarme para o mundial desta idade. Despois estaría ben chegar á categoría absoluta e poder estar nas copas do mundo. De todos os xeitos queda moito camiño por diante e hai que ir sen présa.
Faltan máis de tres anos para os Xogos Olímpicos de Londres, pero a día de hoxe quen pensas que vai compoñer o equipo estatal?
Ainhoa Murua, e Marina Belancur en mulleres; e en homes Gómez Noya e Francesc Godoi, porque Iván Raña nunca sabes como vai estar.
E se por soñar nos paráramos a pensar nun equipo galego competindo en Londres'2012, a que triatletas levarías ti?
Aquí baixaríamos a Raña da bicicleta e poriámolo a nadar para que formara equipo con Gómez Noya. No que se refire ás rapazas, se de min dependera, iríamos Estefanía Domínguez e máis eu.