Os sindicatos maioritarios organizan manifestacións por separado, UXT e CCOO dunha banda, e a CIG pola outra, pero prevén en breve facer presión conxunta.
Vigo será escenario o próximo venres 1 de maio das principais manifestación con motivo do Día do Traballador. Aló teñen previsto as súas principais actividades as tres forzas sindicais maioritarias. A manifestación central da UXT e Comisións Obreiras sairá ás 11h30 da zona entre a Vía Norte e a rúa Urzáiz e tamén na capital olívica ás 12h está previsto que saia da rúa Gregorio Espino a marcha convocada pola CIG.
Así e todo, malia que non haberá unidade na cita simbólica do 1 de maio, as tres formacións sindicais admiten que a curto prazo haberá canles de colaboración e análise para determinar as medidas conxuntas que na actual conxuntura poden propoñer. Cara á mobilización desta semana, todas elas se centran na defensa dos dereitos laborais en tempo de crise. Por outro lado, entre os temas a analizar en breve por UXT, CCOO e CIG aparece a posibilidade de convocatoria dunha folga xeral.
UXT e CCOO destacan a chamada a deseñar unha saída da crise que sexa "favorábel ás persoas" e insistirán na necesidade de cooperación entre axentes sociais e económicos e administracións cara á construción dunha "nova orde económica mundial". De xeito concreto chaman o novo Goberno a afondar no diálogo social. Ademais, subliñan a necesidade de manter o poder adquisitivo dos traballadores na liña das recomendacións do propio Banco Central Europeo.