O presidente iraniano cualificouno de 'racista', e denunciou a situación dos palestinos e as accións militares en Iraq e Afganistán.
Os embaixadores europeos presentes na conferencia da ONU sobre racismo que se celebra en Suíza abandonaron este luns a sala despois de que o presidente de Irán, Mahmud Ahmadineyad, cualificara a Israel de "goberno racista". Os representantes da UE tiñan preparada esta acción, como recoñeceu o embaixador español ante a ONU, Javier Garrigues: "decidimos que no momento que escoitásemos comentarios non aceptábeis para Europa, abandonaríamos a sala". Así e todo, Garrigues asegurou que este xesto non supón que os países da UE abandonen definitivamente a cimeira.
O presidente iraní, que é o único xefe de Estado que asiste a esta Conferencia, marcada dende antes do seu inicio pola polémica e o boicot de EEUU, Israel e outros sete países, foi tamén moi crítico cos Estados Unidos e Europa e denunciou as accións militares occidentais en Iraq e Afganistán. Empregou gran parte da súa intervención en condenar a "política represiva" e a "brutalidade" de Israel contra os palestinos e criticou que o Consello de Seguridade da ONU sempre "acolleu co silencio os crimes dese réxime, como os recentes bombardeos contra civís en Gaza". O presidente iraní concluíu a súa intervención realizando chamamentos a reformar a orde política internacional.
Instantes despois de que Ahmadineyad rematase a súa intervención, o presidente fracés Sarkozy reclamou unha "reacción de extrema firmeza" da UE ante o "discurso de odio" do líder iraní.