Din que a imposición do galego "é unha falacia", e quéixanse de que A Mesa convocase unha mobilización unilateralmente, sen contar con outros colectivos.
O pasado sábado 18 de abril presentouse en Vigo a Plataforma Galego Sempre Mais, un colectivo reintegracionista que nace, segundo contan, "como necesidade de resposta unitaria perante o panorama lingüístico actual", nun ano, o 2009, no que "estamos a vivir un contexto novo, un contexto cheo de dúbidas e de poucas esperanzas para a supervivencia da lingua en Galiza".
Críticas á Mesa pola convocatoria unilateral da manifestación do 17 de maio
Nesta liña, dende a Plataforma acabada de crear sinalan que o seu primeiro acto o Día das Letras, será unha manifestación que percorrerá as rúas de Compostela baixo un seu lema propio: "Contra a imposiçom do castelhano: galego sempre mais". Nesta liña, critican A Mesa pola Normalización Lingüística por facer unha convocatoria unilateral, e non unitaria, e "prescindir do resto de organizacións". Dende Galego Sempre Mais sinalan que van asistir a esta "mobilización xa convocada previamente" por "responsabilidade co momento histórico que padecemos", mais sen "apoiala nominalmente", xa que consideran que A Mesa "non é a única organización a defender a nosa lingua". "Farémolo mantendo unha distancia con quen achamos que atende máis as necesidades dunha sigla política que as do movemento normalizador", reiteran.
Contra o silenciamento da "tradición cultural galeguista do reintegracionismo"
Ademais de presentarse publicamente, esta Plataforma deu a coñecer un seu manifesto (en .pdf) que lles vai servir como "marco ideolóxico" para acudir á mobilización convocada para o Día das Letras, que recolle, entre outras arelas, a abolición do sistema legal que subordina o galego ao castelán ou a dedicación do Día das Letras Galegas 2010 a Carvalho Calero; e como denuncia o "silenciamento da tradición cultural galeguista do reintegracionismo". Nesta liña, fan un chamamento a todos os colectivos e organizacións "sensíbeis coa situación do galego en Galiza", para que se sumen, coa intención de "crear unha voz unitaria a forte" pola defensa do galego.