Xunto con Rueda, dáse por seguros a Pilar Farjas, Agustín Hernández, Rosa Quintana e Xavier Guerra.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, aproveitará a xornada deste domingo para dar a coñecer todos os integrantes do seu Goberno, para que xa este luns tomen posesión e se reúnan no primeiro Consello.
Feijoo ultimou este sábado, o mesmo día en que tomou posesión do seu cargo, a configuración do novo Executivo, en que se dá por segura a entrada de dúas mulleres, estreitas colaboradoras do presidente da Xunta: Pilar Farjas, actual concelleira na Coruña, e Rosa Quintana, que estreará a Consellaría do Mar.
Tamén se confirma a presenza no Goberno de Agustín Hernández, deputado por Pontevedra, como responsábel dunha das consellerías que agrupará máis competencias, dende ordenación do territorio e medio até obras públicas e vivenda.
Xavier Guerra, empresario do sector téxtil vigués e deputado do PP no Congreso, ocupará a área de Industria. Entre os seus obxectivos máis inmediatos terá a revisión do concurso eólico.