"Até o de agora a dirección tomada polo PP non foi a máis correcta", afirma o voceiro nacionalista no Parlamento, Carlos Aymerich.
O voceiro do grupo parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, instou o novo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a "aclarar" cal vai ser a dirección que vai tomar "para tirar do carro" e asegura que será despois desta explicación cando o seu partido terá en conta a proposta de "diálogo" lanzada este sábado polo popular no seu discurso de toma de posesión.
Segundo declarou Aymerich, o discurso de Feijoo non foi máis que "a reafirmación" das "liñas" que "indicou hai uns días no Parlamento" e exixiulle que explique publicamente se para sacar Galiza da crise económica "se vai a poñer de parte da patronal ou dos intereses dos cidadáns".
Aymerich criticou que durante a súa intervención na Praza do Obradoiro, o presidente da Xunta "non aclarase" as medidas anticrise que seguirá o Goberno durante os próximos catro anos e avisou os galegos de que "até o de agora a dirección tomada polo PP non foi a máis correcta".
Para o voceiro nacionalista, entre o BNG e o PP hai actualmente uns "intereses contrapostos" que impiden o "diálogo" entre partidos. "Cando se aclare, falaremos", aseverou.