A plataforma A Ría Non se Vende cualifica de "manobra mediática" a proposta achegada esta semana polo presidente da entidade.
"A terminal viguesa está na máis absoluta ilegalidade", denunciou Xosé Reigosa, voceiro de Salvemos Monteferro, e integrante da plataforma A Ría Non se Vende. Nunha comparecencia diante dos medios este venres, os colectivos achegaron unha análise da recente proposta de Plan de Usos que achegou o Porto de Vigo. Segundo a opinión dos colectivos, tal Plan "non existe".
"É un borrador cheo de irregularidades", denuncian, "non trata a reestruturación xeral do espazo portuario". Láianse os membros da Plataforma de que se limite a "collerlle máis espazo á Ría, que non admite nin un metro cadrado máis de recheos". Recordan ademais que o documento en detalle nin sequera se presentou a "exposición pública" polo que non se coñece o seu contido. "Simplemente sabemos o que a Autoridade Portuaria lle transmitiu aos medios", critican. Unha das queixas principais é tamén o espazo portuario ocupado por naves e empresas "con actividades que nada teñen que ver co Porto"."No porto hai espazo de abondo, mais mal empregado", opinan.