O docente, da asignatura de Debuxo, asegurou que as nenas non tiñan coñecemento suficiente nin de galego nin de castelán para podelo facer.
Nos centros escolares galegos hai matriculados 13.398 alumnos estranxeiros
Sucedeu en Lugo nunha aula de secundaria, concretamente na clase de debuxo. Un profesor negouse a avaliar a dúas alumnas de nacionalidade romanesa ao considerar, supostamente, que carecían do coñecemento suficiente nin de galego nin de castelán. Ante esta situación, a Consellaría de Educación abriulle un expediente disciplinario e sancionouno suspendéndoo de emprego e salario.
Malia coñecerse agora a través dunha noticia do xornal El Progreso, o caso remóntanse xa até o ano pasado. No curso 2007-08, o profesor informou de que non se consideraba capacitado para examinar a estas dúas rapazas, por mor da súa escasa competencia no idioma. O servizo de Inspección requiriulle entón, tanto de forma verbal como por escrito, que avaliase ás alumnas xa que o dereito dos estudantes a ser examinados debería de prevalecer sobre calquera outra consideración. Con todo, o docente mantivo a súa postura polo que a consellaría decidiu abrirlle un expediente e fixo a proposta de sanción, que foi recorrida polo mestre e desestimada polo xulgado do Contencioso Administrativo.
Cuestión académica
O delegado de Educación en funcións, Luís Manuel Álvaerez, asegurou que "o docente foi apartado temporalmente do seu labor a xeito de sanción porque os alumnos teñen dereito a ser avaliados con independencia de que coñezan ou non as linguas cooficiais". Descartou que o racismo estea detrás desta decisión, senón que considerou que é unha cuestión "estritamente académica". Porén, cualificou a actitude do profesor como unha "discriminación cara ás alumnas" sobre todo tendo en conta que na materia de Debuxo a expresión oral non é tan importante como noutras nas que si foron avaliadas as rapazas.
Finalmente, precisou que este é o único caso que se formulou entre a comunidade educativa galega. "É certo que acoller a alumnos estranxeiros require un esforzo adicional para os docentes, pero forma parte da normalidade do sistema e lévase a cabo con naturalidade grazas á profesionalidade dos profesores", dixo.