Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
O PP non aclara a aposta

Dúbidas sobre o futuro Hospital de Pontevedra

A Asociación para a Defensa da Sanidade Pública acusa o Colexio de Médicos local de promover a "privatización sanitaria" coincidindo co relevo na Xunta.

Redacción - 19:00 14/04/2009

O PPdeG acudira á recente campaña electoral co compromiso programático de construír "o novo Hospital de Vigo e o novo Hospital de Pontevedra". Unha promesa que quedou levemente esvaída á luz do resumo de prioridades que achegou este mesmo martes o líder do partido e próximo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Así, na súa intervención no discurso de investidura, falou Feijoo da intención de "construír" o novo Hospital de Vigo, e engadiu "tentar o de Pontevedra". A vaguidade sobre o futuro desta infraestrutura sanitaria coincide no tempo co recente pronunciamento do Colexio de Médicos de Pontevedra ao respecto do futuro dese mesmo proxecto, chamando a reconsiderar a iniciativa e reflexionar sobre as súas características antes de impulsalo.

Sobre o asunto pronunciase agora moi criticamente a Asociación para a Defensa da Sanidade Pública, advertindo contra a posíbel paralización do chamado Hospital Único e asegurando que por tras da paralización proposta polo Colexio agocharíase unha aposta pola "privatización sanitaria". Deste xeito reprochan desde o colectivo que se poña en cuestión a prometida unificación nun só edificio dos recursos hospitalarios do municipio "actualmente dispersos".

Intereses "político-empresariais" presuntamente agochados
Na opinión da Asociación para a Defensa da Sanidade Pública, a suxestión do Colexio, que coincide co relevo no Goberno, vai unida á privatización do hospital da área norte, "dado que o PP pretende aplicar a fórmula utilizada en Madrid e Valencia para construír novas infraestruturas", cun modelo de financiamento que "deixa os centros en mans privadas durante trinta anos". "Os argumentos que utiliza o colexio para descualificar o proxecto son falaces e non responden á realidade", critican, acusando o colectivo médico de achegar cifras irreais e subliñando que "o espazo previsto é máis que suficiente, xa que duplica as actuais instalacións".

"O proxecto non só non hipoteca o crecemento futuro do centro, senón que o proxecto sectorial inclúe unha zona delimitada que outorga a este centro a posibilidade de crecemento futuro maior dos hospitais galegos", analiza a asociación. Segundo expoñen, o Colexio de Médicos de Pontevedra "responde a intereses político-empresariais e non ao dos profesionais e cidadáns". Ao respecto, acúsanos de argumentar en Vigo que o esforzo investidor iría a Pontevedra e defender na cidade do Lérez a argumentación contraria.

Por este motivo, desde a propia Asociación, que conta tamén con profesionais sanitarios entre os seus integrantes, afástanse do pronunciamento público do Colexio, afirmando non sentirse representados malia pertencer "polo seu carácter obrigatorio".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: