No quinto día de xaxún, conseguiuse consensuar un texto legal que lles permita aos bolivianos ir ás urnas en decembro. En troques, elaborará un novo censo.
Os líderes das bancadas lexislativas do Congreso de Bolivia chegaron a un acordo para mudar a Lei Electoral, chave para que se desenvolvan as eleccións xerais en decembro deste ano. "O diálogo deu froitos positivos. Teremos código electoral e eleccións xerais en decembro, e eleccións para alcaldes en abril de 2010", anunciou o presidente da Cámara, Edmundo Novillo.
Novillo, que participou na mesa de diálogo, integrada polos líderes das catro forzas con representación parlamentaria, explicou que, após 10 horas de discusión, esta segunda feira conseguiron "harmonizar 84 artigos da lei", e só fica a súa aprobación na sesión plenaria, que se reiniciará tras unha paréntese que se produciu a pasada quinta feira, após o abandono dos deputados da oposición. Polo seu lado, o oficialismo tivo que acceder a unha das exixencias dos opositores: mudar por completo o censo electoral, elaborando un novo que se empregue nos vindeiros comicios, xa que o actual "non ofrecía as suficientes garantías de transparencia".
A norma é considerada de importancia capital para o Goberno de Evo Morales, quen comezou a pasada quinta feira unha folga de fame para facer presión á oposición para que se aprobase a Lei. Porén, Morales vai continuar co xaxún, xa que, segundo Fidel Surco, presidente da Coordinadora Nacional para o Cambio (Conalcam), grupo leal ao líder boliviano, "a folga de fame só se vai suspender cando o Congreso aprobe a lei electoral, e ese documento sexa sancionado polo presidente".