Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Discurso de investidura de Núñez Feijoo

"Non vimos restaurar o pasado nin derrubar o que fixeron ben os nosos antecesores"

Nunha intervención de case dúas horas, o líder do PPdeG pediulle este martes ao Parlamento a confianza para converterse oficialmente no quinto presidente da Xunta.

R. N - 12:50 14/04/2009

Referiuse este martes Alberto Núñez Feijoo, candidato do PPdeG á presidencia da Xunta, á definición ideolóxica do seu partido como formación "reformista" con vontade de respectar "o que de bo ten a herdanza recibida" para desde aí introducir cambios. "Só as sociedades que son capaces de grandes acordos sobre as súas prioridades de acción política son capaces de superar os retos e dificultades conxunturais", expuxo.

Ao fío, afirmou Núñez Feijoo que no acceso ao Goberno o seu partido non vai "restaurar ningún pasado nin derrubar o que fixeron ben os antecesores". Así e todo, apenas se referiu o líder dos populares durante a súa intervención a éxitos concretos das políticas da última lexislatura e si salientou dous reproches fundamentais ao labor do goberno saínte: o concurso eólico e o decreto do galego no ensino. Ao respecto destes dous asuntos, realizou promesas específicas de revisión e derrogación, arrincando á vez os momentos de máis efusivo aplauso desde os escanos do seu partido. Unha ovación das bancadas populares que chegaría por vez primeira na mañá deste martes coa promesa de "transparencia" realizada por Feijoo, logo de prometer que traballará "para que termos como enchufismo, sectarismo, partidismo e caciquismo só teñan significado entre nós para referirnos ao pasado".

Goberno "en permanente coalición cos cidadáns"
"Supoño que non me propuxeron para este cargo para que lles minta". Coa lembranza desta frase do ex presidente checo Vaclav Havel comezaba Feijoo a debullar o seu diagnóstico e receitas para o que agoirou será "o duro camiño da recuperación da nosa economía". O candidato do PPdeG definiu a crise económica "e como consecuencia o desemprego" como o problema principal a enfrontar polo futuro executivo, insistindo en que a crise ten "compoñentes específicas" e é "máis grave" en Galiza. "Estamos na máis grave situación económica desde que Galiza iniciou a súa andaina autonómica", subliñou, advertindo contra as visións optimistas e asegurando que a necesaria xeración de confianza "debe ir coa verdade por diante, por moi dura que sexa".

Logo dunha breve análise dos sectores produtivos, industria, sanidade, dependencia e educación, centrouse Núñez Feijoo no resumo das propostas programáticas do seu partido, especialmente no ámbito económico. Deste xeito, destacou o candidato a intención de poñer en marcha dous grandes plans de actuación. Un primeiro "plan de choque" no curto prazo e un segundo "plan estratéxico" para a lexislatura.

Pacto pola competitividade como punto de partida da estratexia
Foi no que lle toca a esa estratexia a máis longo prazo cando salientou Feijoo o eixo fundamental que asegurou que o seu equipo económico aproveitará respecto da anterior lexislatura: o Acordo pola Competitividade 2008-2011. Un proxecto asinado polo goberno saínte en xullo do ano pasado que Feijoo valorou positivamente e dixo considerar "un aceptábel punto de partida". Afirmou o candidato do PPdeG que nos primeiros cen días de Goberno ese acordo servirá de marco para, previa xuntanza cos axentes sociais, elaborar un programa concreto de compromisos e normativas.

Neste contexto, referiuse entre outros ao fomento da creación de empresas de base tecnolóxica, avanzando a creación dunha axencia independente de coordinación cun "Igape renovado" que concentrará os recursos destinados ao estímulo empresarial. Tamén ao fomento do uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación; o fomento da calidade dos produtos de orixe galega e a "racionalización" do financiamento empresarial, momento no que lembrou o seu compromiso de impulsar a reforma da lei de caixas. Así, dixo estar a prol do reforzamento do "compromiso co país" das caixas de aforro e da introdución de novas garantías de "independencia e profesionalidade" no seu funcionamento.

Doutra banda, comentou no seu discurso á priorización da implicación das universidades no desenvolvemento económico, a "especialización" dunha ducia de sectores estratéxicos (automoción, naval, madeira, mar, téxtil, TIC, turismo, construción, loxística, pedra, enerxía e agro-industria), o impulso da internacionalización e o fomento do emprendemento.

Ferramentas tributarias
Especial atención adicoulle Núñez Feijoo ao uso de instrumentos fiscais, anunciando que lle proporá ao goberno español unha redución até o 20% do imposto de sociedades para as pemes, o incremento ao 8% da marxe de provisión para enfrontar a morosidade ou o permiso para que non tributen o IVE as facturas non cobradas.

No mesmo sentido, comunicou que o PPdeG lle meterá man a tres tributos coa fin de "alixeirar presión fiscal" e incentivar o consumo. En primeiro lugar, promoverán a rebaixa do tramo autonómico do imposto da renda, medida coa que aseguran que beneficiarán "o 54% dos contribuíntes". Tamén suprimirán o Imposto de Sucesións e Doazóns e reformarán o imposto de transmisións patrimoniais, medida esta última que, subliñou Feijoo, esperan que teña especial impacto no acceso da mocidade á vivenda.

Infraestruturas e Ordenación do Territorio, "Plan Galicia", e novo "Consorcio de Transporte"
O relevo recente no Ministerio de Fomento, agora xestionado polo lugués Xosé Blanco, apareceu no discurso de Alberto Núñez Feijoo en forma de reclamación "dos investimentos orzamentados para Galiza e non gastados" durante a traxectoria da anterior ministra, Magdalena Álvarez á fronte dese departamento.

Anunciou Feijoo que en tres meses o novo Goberno terá listo un "Plan de Infraestruturas" deica 2015, artellado arredor do que os populares insisten en recuperar o polémico "Plan Galicia". O proxecto neste eido incluirá por exemplo a creación dunha Axencia Galega de Estradas, que reunirá a dirección xeral e as dúas sociedades públicas relacionadas na actualidade coa obra pública. A petición a Madrid da transferencia da AP9 e a súa reformulación é outro obxectivo marcado polo vindeiro executivo. De xeito concreto, o PP estabelece o compromiso de subir ao 1% do PIB o investimento en infraestruturas de transporte. Tamén confirman a creación dun Consorcio de Transportes, integrado por Xunta, deputacións e concellos.

Doutra banda, Feijoo recordou o compromiso fixado durante a campaña de que as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan do Litoral serán aprobados en tan só seis meses. Cualificou ademais de prioritaria a creación da área metropolitana de Vigo, á que lle seguiría en breve a da Coruña.

Residuos, ENCE e plan eólico
No eido ambiental, unha das propostas estrela destacadas por Alberto Núñez Feijoo este martes foi a do compromiso para o traslado da planta de ENCE en Pontevedra. O líder do PpdeG evitou poñerlle prazo, pero asegurou que a factoría pasteira atopará lugar dentro da propia comarca pontevedresa, ao tempo que se impulsaría "a recuperación ambiental da fachada marítima da marxe esquerda da ría".

Outro eixo destacado foi o anuncio da saída á luz en menos de seis meses dun novo Plan de Residuos Sólidos Urbanos, incluída a construción de novas instalacións complementarias ás actuais que Sogama ten en Cerceda.




10h: Diagnóstico económico e promesas de "austeridade e traballo" 



Economía, benestar e autogoberno son tres eixos arredor dos que debullará o seu discurso esta terza feira o líder do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, único candidato a presidir a Xunta. Segundo avanzan os populares, o eido económico ocupará boa parte da intervención de Feijoo, que aproveitará para subliñar a súa intención de impulsar un "reaxuste" dos orzamentos para 2009, coa fin de deseñar unhas contas "máis realistas" fronte ao actual escenario de crise.

Ao respecto, recordan os populares que o propio conselleiro de Economía en funcións, Xosé Ramón Fernández Antonio, admitiu a necesidade de "actualizar" os orzamentos, logo das revisións á baixa dos prognósticos de crecemento económico. As contas da Xunta para 2009 estaban realizadas sobre unha previsión de crecemento da economía en Galiza do 1,3% do Produto Interior Bruto (PIB) e de 20 mil novos empregos.

Segundo explican desde o PPdeG, o programa de Goberno ocupará as dúas terceiras partes da súa intervención, na que non terá límite de tempo e que dividirá en catro apartados. Así, comezará o seu discurso cunhas "reflexións xerais" sobre como debe ser a acción do novo Executivo e, a continuación, efectuará un "diagnóstico" da situación actual de Galiza. En terceiro lugar, deterase, "especialmente" no seu proxecto de goberno, que diferenciará outras tres partes, ao igual que o programa co que o PPdeG concorreu ás pasadas autonómicas: economía, benestar e autogoberno. Finalmente, Feijóo pedirá o apoio da Cámara para ser investido presidente e tamén o apoio da sociedade para abordar os asuntos de interese xeral para Galiza, e comprometerá "austeridade e traballo" e "gobernar para todos os galegos" cun Executivo "responsábel, valente e serio".

Unha intensa xornada que comeza ás 10h00
Na que será unha xornada decisiva no seu acceso á Xunta, o candidato prevé dirixirse directamente ao Parlamento dende o seu domicilio particular, en Vigo, xa que a súa intervención está fixada para as 10h00.

Tras 48 horas de reflexión, a vindeira quinta feira continuarase o pleno á mesma hora na que concluíra esta terza. Nese momento, os tres grupos que conforman a Cámara exporán as súas posturas nas primeiras quendas de 45 minutos para intervir.

Como se desenvolve o debate de investidura
Feijóo poderá responder con tempo ilimitado de novo, e haberá unha contrarréplica de 15 minutos para as tres formacións políticas con representación no hemiciclo, mentres que o futuro presidente disporá dos minutos que estime necesarios para terminar os seus discursos. Finalmente, procederase á votación do candidato á presidencia do Goberno, que socialistas e nacionalistas non apoiarán. En todo caso, Alberte Núñez Feijoo conta co aval dos 38 deputados populares que conseguiron representación nos comicios do 1 de marzo, e que lle outorgan a maioría suficiente para ser elixido presidente na primeira votación.

O sábado 18, o líder do PPdeG tomará posesión como presidente, despois de que o xefe do Lexislativo, Pilar Rojo, informara ao rei español. Ademais, o pleno solemne de apertura da lexislatura será a terza feira día 21.


1,82/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: