O voceiro parlamentario socialista dixo non verse sorprendido pola intervención dun "líder conservador".
"Falta de concreción" e "decepcionante volta ao pasado en aspectos centrais", foron os reproches fundamentais realizados polo voceiro do grupo parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, logo de escoitar a intervención de Alberto Núñez Feijoo. Leiceaga afirmou ver con preocupación a "ausencia de propostas económicas" por parte do líder do PP e afirmou como balance que Feijoo "non está á altura do que este país necesita".
"Careceu de propostas cuantificábeis que poidan dar algunha confianza e esperanza de futuro para os que máis o necesitan", advertiu o deputado socialista. De xeito especial censurou a referencia de Feijoo ao "Plan Galicia", unha idea que na súa opinión "debera ser esquecida" e pola contra Feijoo recuperou para este día. "Só se mostrou concreto nas demandas a outras administracións", dixo en relación ás reclamacións ao goberno español expostas polo candidato do PP, definindo o groso do discurso como "tópicos, lugar común e frases ocas no relativo ás capacidades de autogoberno da Xunta".