Amnistía Internacional salienta que se detivo o derramo de sangue, mais segue a haber violacións dos dereitos humanos.
As torturas seguen presentes
As forzas de seguridade da rexión autónoma do Curdistán, no Iraq, actúan sen respectar o estado de dereito e abusan habitualmente da súa autoridade, segundo un informe que publica este martes a organización Amnistía Internacional (AI).
"Na Rexión do Curdistán evitouse o derramo de sangue e a violencia que segue a sacudir o resto do Iraq, e o seu goberno rexional fixo importantes avances en materia de dereitos humanos", sinalou Malcolm Smart, director do Programa Rexional para Asia e Oceanía de AI.
"Mais aínda segue a haber graves problemas, como a detención arbitraria e a tortura, os ataques contra os xornalistas e a liberdade de expresión, e a violencia contra as mulleres, que o goberno debe resolver con urxencia", engadiu.
O informe, titulado Hope and Fear, Human rights in Kurdistan Region of Irak (Esperanza e Medo: Os dereitos humanos na rexión do Curdistán iraquí), está baseado en entrevistas realizadas na zona por investigadores de AI durante unha visita en 2008.
A organización presentoulle en agosto dese ano ao Goberno Rexional do Curdistán dous memoranda, onde plasmaba os seus motivos de preocupación e pedía a súa resposta. No informe actual inclúense as respostas enviadas polo Ministerio de Dereitos Humanos ao respecto.