Na madrugada desta quinta feira rexistrouse un tremor de 5,2 graos. Os sismos están dificultando o labor dos equipos de rescate, que traballan entre os cascallos.
As réplicas sísmicas que están sacudindo o centro de Italia (Abruzzo) están dificultando os labores dos equipos de rescate, que na madrugada da quinta feira, cando se sentiu o novo tremor de terra -de 5,2 graos na escala de Richter-, levaban xa tres noites consecutivas traballando entre os cascallos na procura de posíbeis superviventes. Tras o terremoto que sufriron, a pasada segunda feira os habitantes da cidade de L'Aquila, as autoridades dan novas cifras de falecidos, que poderían chegar aos 279. Aínda que os bombeiros, os voluntarios e os médicos traballan a contrarreloxo entre as entulleiras dos edificios, nas últimas horas non atoparon ninguén vivo.
O último tremor da terra sentiuse na madrugada da cuarta feira para a quinta, sobre as 02h53, e deixouse notar até en Roma, a un cento de quilómetros do centro do país. O novo sismo provocou danos materiais nalgúns predios, aínda que, polo momento descoñécese se causou máis vítimas mortais. As réplicas levan toda a semana atemorizando os veciños da zona que sobreviviron; 17 mil deles quedaron sen casa, e tiveron que refuxiarse nos campamentos habilitados.
Ante a situación de caos, o primeiro ministro italiano, Silvio Berlusconi, que na segunda feira declarara o estado de emerxencia nacional, desprazouse até o centro por terceiro día consecutivo, para visitar o casco vello de L'Aquila, que quedou completamente destruído e foi pechado ao tráfico ante a posibilidade de que se produzan novos derrubamentos. Esta quinta feira podería achegarse pola cidade o presidente da República Italiana, Giorgio Napolitano, xa que esta sexta feira comezarán os funerais de Estado polas vítimas do sismo.
Para máis información: