Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE ANDERSEN

O Día das Letras para os pícaros

A Fundación Granell e Xerais organizan un maratón de lectura. E o venres Manuel Rivas presenta o seu primeiro libro infantil, 'O sombreiro Chichiriteiro'.

Redacción - 11:35 02/04/2009

Dende 1967 celébrase o Día Mundial do Libro Infantil e Xuvenil, conmemorando o aniversario no nacemento de Hans Christian Andersen, o 2 de abril de 1805. Para celebrar a efeméride, organízanse actos en todo o país. Este xoves Gálix, a Fundación Granell e Xerais organizan o III Maratón de Lectura Infantil e Xuvenil 'Encontros Fantásticos'. O tema desta edición parte da mostra Místicos encontros e achados plásticos na obra de Eugenio Granell. As lectura propostas son, para alumnado de secundaria, As flores radiactivas de Agustín Fernández Paz. E para os máis cativos, os alumnos e alumnas de primaria, Os contos de Grimm.

Ademais, Kalandraka presenta o volume gañador do II Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, certame que no seu primeiro ano recibira máis de 300 orixinais e que escollera o álbum Cerca da arxentina Natalia Colombo como gañador.

O venres Manuel Rivas presentará no Centro educativo Andaina de Culleredo o seu primeiro libro escrito para nenos, O sombreiro Chichiriteiro (Xerais), que conta con ilustracións de Patricia Castelao. Conta unha historia de amizade dun sombreiro moi especial, o Chichiriteiro, e dun neno valente chamado Simón, que viaxarán xuntos ao corazón do mundo. Ese mesmo día, a partir das seis da tarde, Rivas asinará exemplares do libro no Corte Inglés da Coruña.

Mira o especial de Praza das Letras dedicado á Literatura Infantil e Xuvenil coordinado por Xosé A. Neira Cruz con traballos de Xabier P. DoCampo, Xosé Cobas, Agustín Fernández Paz, Ánxela Gracián, Miguel Vázquez Freire ou Montse Pena.

Mensaxe do escritor exipcio Hani D. El-Masri co gallo do Día do Libro Infantil e Xuvenil
Eu son o mundo, e o mundo son eu, porque a través dos meus libros podo ser o que queira.Palabras e debuxos, prosa e verso trasládanme a lugares que están lonxe e preto ao mesmo tempo.
Na terra dos sultáns e do ouro, mil historias que falan de alfombras voadoras, xenios de lámpadas marabillosas, sacaúntos e simbades, cóntanlle os seus segredos a Sherezade.
Con cada palabra de cada páxina, viaxo no espazo e no tempo. E coas ás da fantasía, o meu espíritu cruza o mar e a terra. Canto máis leo, máis comprendo que co meu libro estarei sempre na mellor das compañías.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: