13h30:
"Solucións reais a problemas reais". Así apelaba este mércores no Parlamento a nova presidenta da institución, Pilar Rojo, á vontade de consenso entre os deputados electos, que acudiron nesta xornada ao acto co que bota a andar a nova lexislatura. Socialistas e nacionalistas, no seu acceso á oposición, ofrecían a primeira chiscadela práctica do día froito das promesas de diálogo, mudando o voto negativo por cadanseu voto en branco durante a propia elección da presidenta.
Unha primeira toma de contacto co salón de plenos nesta VIII Lexislatura que finalizaba co Himno. Así, do "Que din os rumorosos" até o "nazón de Breogán", víuselle cantar este mércores no Parlamento a quen será o próximo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Apenas tres anos despois de que a propia introdución da fórmula "nacional" do himno no preámbulo estatutario non fose abondo para botar adiante unha reforma case pechada entre os tres grupos parlamentarios, Feijoo amosou coñecer a versión completa do Himno.
Un momento que tivo tamén a anécdota cando, anteriormente, a nova presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, mandaba pechar a sesión esquecendo ese peche musical. Visiblemente nerviosa, Rojo recuperou o micrófono para pedirlles aos deputados que sentasen de novo, recordándolles que quedaba algo "moi importante" e chamándoos a cantar o "himno nacional". O acontecido deu pé a que na posterior conferencia de prensa, o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, subliñase a súa confianza de que esa referencia "ao himno da nación" fose "algo máis ca unha anécdota" e servise para recuperar a normalidade no escenario político ao respecto da cuestión.
Escenificación da viraxe de poder A sesión comezara co deputado socialista Francisco Cerviño arrincando o riso dos deputados logo de expresar con retranca a súa suposta "perplexidade" por ser o deputado de máis idade da Cámara. "A arte longa e a vida breve", parafraseou Cerviño en palabras de Stendhal. En tres quendas, os parlamentarios elixiron a nova Mesa do Parlamento, cuxas candidaturas foran xa avanzadas polas respectivas formacións políticas.
Non houbo así sorpresa, e Pilar Rojo saíu escollida presidenta cos 38 votos do seu partido, fronte a 36 votos en branco dos grupos da oposición (o voto en falta foi o do socialista Modesto Pose, ausente por enfermidade). Os
populares Xosé Manuel Baltar e Xosé Manuel Balseiro completan como vicepresidente primeiro e secretario. Posteriormente, o socialista Ricardo Varela e o nacionalista Anxo Quintana foron elixidos vicepresidente segundo e vicesecretario respectivamente. A continuación, e para formalizar a toma de posesión, os deputados fixeron xuramento, usando a fórmula "si, xuro" (así o fixeron a maioría dos representantes do PP), ou a alternativa "si, prometo" (empregada por todos os socialistas e nacionalistas así como por algúns dos populares, entre eles Núñez Feijoo). A xeito anecdótico, cabe mencionar unha terceira opción, "si,
juro" (en castelán), empregada por varios dos parlamentarios do PP, entre outros Diego Calvo ou Ignacio López Chaves. Doutra banda, os deputados do BNG prometeron o seu cargo seguindo a tradición de facelo cun caravel e con cadanseu exemplar da obra
Sempre en Galiza.
Apelación ao diálogo No seu discurso posterior, Pilar Rojo expresou primeiro o agradecemento polo "apoio incondicional" á súa elección e recordou que o comezo desta VII Lexislatura completa un proceso democrático que tivo o seu momento fundamental o pasado 1 de marzo cando, nas súas palabras, "os galegos e as galegas deron un exemplo de participación histórica".
"A sociedade galega falou", indicou Rojo, afirmando ao fío que "como representantes seus", os deputados deben levar adiante un traballo "rigoroso e construtivo" nesta Cámara co obxectivo de "buscarmos entre todos, solucións reais aos problemas reais que temos os cidadáns galegos".
"É certo que nunha democracia de partidos sepárannos cousas", continou, "pero únenos a todos algo máis importante, que é a preocupación por Galiza". "A ese consenso apelo hoxe, máis aínda se cabe, polos momentos de especial dificultade económica que nos toca vivir", subliñou Pilar Rojo, rematando a súa intervención co desexo de que todos os membros da Cámara "sexamos capaces de sentir e recoller as necesidades e inquedanzas dos galegos e galegas".
9h:
"Ante o pobo de Galicia, representado aquí polo seu Parlamento, xuro [tamén se admite a fórmula 'prometo'] acatar e gardar fidelidade á Constitución e ao Estatuto de Galicia". Velaí a frase que se escoitará este mércores no Parlamento cando a presidenta, será Pilar Rojo, preste xuramento ou promesa do seu novo cargo. A continuación, farán xuramento o resto de membros da mesa e os deputados, por orde alfabética, responderán coa fórmula "si, xuro" ou "si, prometo". Logo do discurso de Pilar Rojo, quedará finalmente constituído o Parlamento nunha sesión que pechará na mañá deste martes co Himno.
Antes, o proceso comezará coa guía da chamada mesa de idade, presidida polo maior dos deputados electos, neste caso o socialista Francisco Cerviño, acompañado polos deputados máis novos, neste caso Marta Valcárcel (PPdeG) e Silvia Belén Fraga (PSdeG). Cerviño abrirá a sesión cedéndolle palabra á secretaria, que lerá o decreto de convocatoria e a relación de deputados electos. De contado, elixirase a Mesa do Parlamento, que é o órgano reitor da Cámara e desempeña a representación colexial desta nos actos aos que asista.
Así, e en votacións separadas vaise escoller o cargo de presidente, do vicepresidente primeiro e segundo e do secretario e vicesecretario. Cada un dos deputados depositará o seu voto nunha urna e tras cada votación, procederase ao escrutinio e ao anuncio do novo presidente da Mesa do Parlamento. Neste caso, os 38 representantes do PPdeG, tal e como avanzou esta formación, avalarán a elección de Pilar Rojo para o cargo de presidenta. A designación dos vicepresidentes farase por unha soa votación e será elixido vicepresidente primeiro o candidato con máis votos e o aspirante que lle siga en votos, será nomeado vicepresidente segundo. Para elección do secretario e vicesecretario repetirase o proceso. Se nalgunha das votacións se producise un empate, celebraranse sucesivas votacións entre os candidatos igualados en votos ata que o empate quede dirimido.
Deste xeito, e segundo o avanzado por cada un dos grupos, a VIII Lexislatura contará con tres postos na Mesa -Pilar Rojo, como presidenta; Xosé Manuel Baltar, como vicepresidente primeiro; e Xosé Manuel Balseiro, como secretario-, por un cargo exercido polo PSdeG -o de vicepresidente segundo, que corresponderá a Ricardo Varela-; e outro polo BNG, cuxo representante aínda non se coñece, e que será escollido esta cuarta feira, nunha xuntanza de mañá.