O colectivo feminista organizou unha cea de agasallo en Compostela, á que asistiron unhas 70 mulleres que amosaron o seu apoio á sindicalista.
A revista Andaina celebrou o pasado sábado un encontro-charla-cea de "agasallo, recoñecemento e cariño" a Lidia Senra, ex secretaria xeral e actual secretaria de Organización do Sindicato Labrego Galego (SLG), polo seu "traballo ao longo dos anos, de loita polos dereitos das mulleres labregas e de defensa da terra e da soberanía alimentaria". Tamén se quixo homenaxear a Senra polo seu "liderado exemplar" á fronte do SLG, e como dirixente do mesmo, para amosar o "apoio á continuidade do seu labor".
O acto desenvolveuse no CS O Pichel, en Compostela, e nel participaron máis de 70 mulleres. Após a charla que deu a propia Lidia Senra sobre a soberanía alimentaria, comezou a cea, elaborada con produtos traballados, cultivados e cociñados polas mulleres do Proxecto Amorodo.
Na sobremesa, proxectouse un vídeo feito para a ocasión, que lembraba a traxectoria de Senra. A homenaxe colleu por sorpresa a Senra, que en todo momento pensou que estaba a asistir a un acto sobre a soberanía alimentar, até que Celia Balboa, avogada que fai parte do consello de redacción de Andaina, se ergueu para dar lectura a un manifesto de apoio á labrega e sindicalista.