O Mupega acolle o encontro, no que se debaterán as actividades a desenvolver no 2009, con especial atención á presenza da lingua no ensino.
A partir das nove e media da mañáno edificio do Museo Pedagóxico de Galicia, a Nova Escola Galega dará conta aos seus asociados das actividades realizadas ao longo do ano 2008 e exporá un novo programa de actuacións para o ano 2009. Entre a temática a abordar estarán a educación para a paz, a educación no medio rural galego, a elaboración de materiais curriculares ou a antropoloxía e a educación. Ademais, abordaranse debates sobre as competencias básicas en educación, e o significado que ten na actualidade pertencer a un movemento socio-educativo como NEG.
Por outro lado, dado o momento actual, parece oportuno abordar o asunto da lingua, a raíz dos indicadores que semellan apuntar na dirección contraria á que esta asociación vén defendendo dende os seus inicios.
Nova Escola Galega é un movemento de renovación pedagóxica creado en 1983, que agrupa perto de 500 profesionais do ensino de toda Galiza preocupados por un modelo de escola pública, democrática, plural, integradora e en galego. Nova Escola difunde desde entón o seu ideario a través de diferentes proxectos, actividades e publicacións. Entre os últimos destacan: VIEIROS NA ESCOLA, en colaboración con Vieiros; e o PROXECTOTERRA en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para a elaboración de materiais de educación infantil e primaria. Nova Escola Galega edita tamén a Revista Galega de Educación e realiza xornadas e encontros en diferentes puntos de Galiza.