Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
"Hai 470 mil razón para saír á rúa"

Retiran un polémico anuncio da emisora pública portuguesa Antena 1 contra o primeiro de maio

O Bloco de Esquerda aprovéitao para denunciar a precariedade laboral.

Redacción - 16:50 25/03/2009
Traballadora do Instituto de Emprego e Formação Profissional (IEFP), que leva tres anos con recibos verdes

Traballadora do Instituto de Emprego e Formação Profissional (IEFP), que leva tres anos con recibos verdes

No anuncio en cuestión aparece un tal Rui que chega tarde ao traballo, e o seu automóbil queda trabado entre o tránsito. Ten a radio prendida, e sintonizada a emisora pública Antena 1. A locutora -a xornalista Eduarda Maio, unha das principais voces da radio pública e autora da biografía autorizada do primeiro ministro portugués, José Sócrates (PS)-, fala con el para informalo, directamente, de que non é por causa dun accidente polo que el está parado, senón por unha manifestación -a do primeiro de maio-, orquestrada "contra el" e contra os que, coma el, "queren chegar ás horas".

O spot servíalle á Antena 1 para promocionarse, situando os seus locutores como uns informadores moi achegados ao público, que até lle saben o nome propio a quen os escoita, neste caso Rui. Porén, con el chegou a polémica, e a semana pasada foi retirado da cadea de televisión pública, a RTP, por "atentar contra o dereito de manifestación", após recibir unha serie de críticas dos partidos políticos e dos sindicatos, que acusaron o goberno de Sócrates de empregar a radio pública no seu beneficio.

O Bloco de Esquerda aproveita o spot para chamar aos traballadores a saír á rúa o 1 de maio
Porén, esta semana o polémico anuncio foi recuperado polo Bloco de Esquerda (BE), que, empregando ao mesmo Rui que sae nas imaxes da Antena 1, mudou un bocado a súa mensaxe. Desta volta Rui non chega tarde por causa dunha manifestación que está a parar o tránsito, convocada contra el e contra os que queren chegar "ás horas", senón que foi despedido, e non precisa volver á súa empresa, porque esta xa se trasladou a Eslovaquia. O novo anuncio termina lembrando que hai "470 mil razóns para saír á rúa o primeiro de maio", as mesmas que o número de parados que hoxe en día hai en Portugal.

Este partido aproveitou o spot para chamar a todos os portugueses e portuguesas a participar na manifestación do vindeiro primeiro de maio, "respondendo, con humor, a unha iniciativa de moi mal gusto que ataca directamente o dereito a manifestación e que recrimina as protestas, cando estas son moitas e moi xustas", sinalaron dende o BE.

O novo anuncio, que se pode ver na rede, en YouTube ou no MySpace do Bloco, tamén pretende crear un "debate sobre até onde pode ir a instrumentalización do servizo público".

A poucos días do "May Day"
Outra das reivindicacións que centrarán este ano o primeiro de maio en Portugal será a desaparición do traballo precario. No 2001, en Milán (Italia) desenvolveuse o primeiro May Day da historia, unha xornada na que os traballadores e traballadoras precarias saíron á rúa para denunciar a súa situación. No ano 2007 este xornada desenvolveuse tamén en Lisboa, e este ano será no Porto.

Os convocantes lembran que ser precario non é "sinónimo de mocidade, liberdade ou irreverencia", senón de traballar "moitas horas, cun contrato temporal, a recibos verdes".

En Portugal hai perto de 900 mil persoas que traballan cos chamados recibos verdes. Trátase dun sistema empregado, cada vez máis, nas relacións laborais no país veciño, mediante o cal os traballadores autónomos manteñen a súa vinculación cunha determinada empresa. No canto de entregarlles unha factura, estes autónomos empregan recibos verdes, un sistema que, segundo os seus detractores, na práctica serve para ter xente traballando na empresa, facendo as mesas tarefas que os empregados contratados (entrando e saíndo na hora), mais sen ter os mesmos dereitos que estes, coma o subsidio de desemprego, o dereito a baixa laboral ou a alta na Seguridade Social. A finais de mes estes traballadores pasan os recibos verdes ao empresario, mais no canto de ser a súa a relación que existe entre un autónomo e un cliente, termina por ser idéntica á que se estabelece entra empregado e xefe, mais sen as obrigas, por parte do empresario.


Ligazóns

5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: