Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A necesidade dunha perspectiva de xénero nas ONG

"As mulleres sofren o dobre, por ser pobres e por ser mulleres"

A Coordinadora Galega de ONGD presentou o libro Xénero e desenvolvemento, un "instrumento" común para retomar como meta a igualdade.

Redacción - 09:00 24/03/2009
Dende a Comisión de Xénero da Coordinadora lembran que a pobreza sempre afecta dobremente ás mulleres

Dende a Comisión de Xénero da Coordinadora lembran que a pobreza sempre afecta dobremente ás mulleres

A Comisión de Xénero da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento presentou esta segunda feira o libro Xénero e Desenvolvemento, un traballo que nace co obxectivo de expoñer a dobre desvantaxe na que se atopan as mulleres en situación de pobreza, tanto por causas económicas como por "desigualdade de xénero".

Na presentación estaban Andrea Manuela García, de Implicadas no Desenvolvemento; Aida Pérez, de Paz e Desenvolvemento; e Sandra Rodríguez, da Asemblea de Cooperación pola Paz. As tres participaron, dentro da Comisión de Xénero, na elaboración deste pequeno manual, que tamén quere servir de instrumento ás ONG galegas no que se refire a incorporar no seu traballo diario a perspectiva de xénero. Alén disto, ha servir como referente para achegarse ás cuestións de xénero dentro da propia Coordinadora Galega de ONGD.

No volume tamén se analizan datos relacionados coas mulleres e a pobreza no mundo, e analízase o traballo das ONGD dende unha concepción intercultural de xénero. Tamén hai un capítulo dedicado ao emprego da linguaxe non sexista nas comunicacións elaboradas polas ONG para o Desenvolvemento. O libro está a ser distribuído xa entre as ONGD que fan parte da Coordinadora, e, alén diso, estase a analizar como chegar con este traballo a outras organizacións.

A Comisión de Xénero das ONGD de Galiza
Esta publicación xorde do traballo común realizado polas ONGD que integran a Coordinadora, a través da Comisión de Xénero. Esta Comisión naceu tras a realización dunha investigación que revelou que, por regra xeral, o emprego dunha perspectiva de xénero nas organizacións integradas na Coordinadora non era nin unha liña estratéxica estabelecida, nin unha prioridade.

Neste sentido, e lembrando que a igualdade entre homes e mulleres é un dos oito Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, e unha prioridade transversal da cooperación estatal e galega, esta Comisión asumiu todas as tarefas precisas para traballar nunha liña de reflexión, formación e integración da perspectiva de xénero.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: