Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Formaliza a súa candidatura á secretaría xeral

Vázquez promete para o PSdeG unha dirección "colexiada e participativa"

O socialista ourensán Manuel Vázquez anunciou que consultará as bases na procura da confianza para unha renovación "integradora e ilusionante".

Redacción - 14:30 20/03/2009

"Non me presentaría de non estar seguro de poder contar co apoio das bases do partido", subliñou este venres Manuel Vázquez, asegurando que a súa candidatura "non vén imposta desde arriba". Ao respecto, advertiu o aínda conselleiro de Medio Ambiente en funcións, que a súa intención á hora de postularse para liderar o PSdeG-PSOE é a de que a base militante da formación decida o seu futuro "sen tutelas e sen presións".

Deste xeito, e na súa primeira comparecencia pública á volta dos comicios do 1 de marzo, Manuel Vázquez anunciou que se botará á estrada desde a próxima semana para consultar coas agrupacións locais do seu partido ao respecto do proceso aberto. Vázquez confirmaba así que no congreso extraordinario que os socialistas galegos celebrarán o próximo 25 de abril, será candidato a asumir a secretaría xeral do partido, relevando así ao dimitido Emilio Pérez Touriño.

Apelación ás bases e á mocidade
O político do Carballiño, municipio onde foi alcalde, asegurou que o seu proxecto pasa pola busca dunha dirección "integradora, ilusionante e consensuada coas bases" co obxectivo de reforzar a estrutura e a mensaxe do PSdeG e traballar para a recuperación do poder na Xunta.

"É o momento das bases, da militancia, do debate, de expoñer proxectos e ideas", resumiu o candidato, chamando os seus a afondaren "nos acertos" pero ser ao tempo esixentes "para corrixir os erros". Nese escenario, dixo estar seguro de que o PSOE está en Galiza "en plena fase de expansión" e instou a mocidade a ser protagonista do momento. "Os máis xoves teñen que ser parte substantiva deste proxecto, do debate, da análise, e a innovación ten que ser unha das nosas constantes".

Así, o tamén coñecido como "Pachi" Vázquez, afirmou que considera necesario un partido "amplo, participativo, áxil na toma de decisións, innovador, permeábel á sociedade, que a represente”. Con esa arela dixo estar seguro de poder pilotar para o PSdeG o deseño dunha dirección "colexiada, participativa, áxil, con pensamento fresco, e con voces en tódolos estamentos da sociedade”. "Se cadra falamos moito para quen non quería escoitarnos, e pouco para quen estaba esperando por nós”, expresou no plano da autocrítica sobre o labor do PsdeG-PSOE os últimos catro anos. Con todo, insistiu en que rematou o tempo “dos lamentos e das penas”. "Comenzamos a traballar para gañar as eleccións dentro de catro anos”, sentenciou.

"Sen tregua" fronte a un PP que acusa de instalarse "na mentira"
“Non lles imos dar nin 100 días, nin 100 horas nin 100 minutos", avisou Manuel Vázquez ao respecto do labor opositor dos socialistas diante do PP. "Desde o minuto seguinte da toma de posesión haberá unha oposición centrada en buscar a mellora da calidade de vida dos cidadáns e un control férreo da xestión onde non cederemos nin un metro nos logros acadados na última lexislatura”, expuxo na súa intervención este venres diante dos medios.

Vázquez quixo chamar a atención sobre o feito de que en Galiza "hai máis cidadáns que non votaron ao PP dos que si votaron ao PP", advertindo contra os posíbeis retrocesos fronte aos "avances" do goberno saínte. "A demagoxia, a mentira e a calumnia poden ser útiles en campaña electoral, pero non para gobernar Galiza, porque non llo imos consentir”, advertiu.


4,2/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: