As embarcacións chocaron a 11 millas do cabo coruñés. Os servizos de emerxencia informan de que non se produciron feridos.
Dous pesqueiros galegos colidiron de madrugada a 11 millas ao norte de Estaca de Bares sen que se produciran feridos en ningunha das dúas embarcacións, segundo informaron fontes dos servizos de emerxencias e de Salvamento Marítimo. Unha vez coñecido o incidente, mobilizouse ao helicóptero Pesca 2, da Xunta, que acudiu ao lugar do choque, aínda que non foi necesario o rescate dos tripulantes.
O choque produciuse arredor das 1.30 horas e, aínda que non se coñecen as causas, as mesmas fontes indicaron que a visibilidade era escasa na zona. Os pesqueiros, o 'Anchousa' con 15 tripulantes, e o 'Praia de Dunas' con 9 mariñeiros a bordo, sufriron danos estruturais, se ben todos os seus ocupantes se atopan ben.
O 'Anchousa', que ten a súa base en Corme, arribou polos seus propios medios ao porto de Celeiro contra as 4.30 horas mentres que o 'Praia de Dunas', dun armador de Viveiro, está sendo remolcado nestes momentos cara ao mesmo lugar pola lancha 'Salvamar Alioth', pois ten unha avaría en máquinas.