Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Eleccións na patronal

Antonio Fontenla e Fernández Alvariño serán outra vez rivais polo liderado da CEG

Logo de que o coruñés confirmase que aspira á reelección, o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra prepara un novo asalto á presidencia.

Redacción - 10:30 19/03/2009

Darlle continuidade ao labor que defende como positivo desde a presidencia da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) é a bandeira coa que inicia a carreira polo liderado da patronal o empresario coruñés Antonio Fontenla. O traballo para afrouxar o burato económico herdado na asociación é outro dos argumentos defendidos desde o contorno da súa candidatura. Hai catro anos xa derrotara o pontevedrés Xosé Manuel Fernández Alvariño nas eleccións do colectivo, conseguindo o dobre de apoios.

Agora, a xunta directiva da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), confirma que propón o seu máximo responsábel, Xosé Manuel Fernández Alvariño, como candidato á presidencia da CEG. Así e todo, o propio Fernández Alvariño renunciou de momento a confirmar persoalmente esa candidatura, malia que se dá por feito de que o desafío está xa lanzado. "Ogallá houbese máis posíbeis candidatos", afirmou de todas formas Alvariño, quen xa foi derrotado en dúas ocasións anteriormente pola candidatura de Fontenla, en 2001 e 2005.

A cita será na asemblea xeral da CEG o próximo 7 de maio. Alvariño contaría co favor da patronal pontevedresa, a que maior número de vogais suma na asemblea, e Fontenla tería o aval das confederación da Coruña e Lugo. Alén das catro confederacións provinciais están en xogo tamén os votos das asociacións sectoriais.

Por outro lado, a CEG convocou un encontro para este venres 20, aberto a outros axentes socioeconómicos, co obxectivo de resumir un conxunto de propostas concretas fronte ao escenario de crise económica en Galiza. A patronal ten a intención de achegarlle despois o informe que saia desta reunión ao vindeiro equipo da Xunta.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: