Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Adrián Sotelo Valencia, sociólogo mexicano

"Digámolo dunha vez: O capitalismo non vai erradicar a pobreza"

Analizamos co profesor da Universidade Nacional Autónoma de México, experto en relacións laborais no sistema neoliberal, a crise económica actual.

Fernando Arrizado - 10:00 22/03/2009

Adrián Sotelo Valencia, sociólogo mexicano e profesor na Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), estivo na Galiza convidado pola CIG hai uns días para impartir a palestra "Crise, resistencias e alternativas. Unha perspectiva desde México". Precisamente o sindicato nacionalista publicou en 2005 o seu libro A reestruturación do mundo do traballo.

Autor de numerosas investigacións sobre as relacións laborais no universo capitalista neoliberal en que vivimos, Sotelo Valencia visitou a redacción de Vieiros para compartir cos lectores as súas análises sobre a situación socioeconómica mundial e mexicana no contexto de crise actual.

Vieiros: A crise ...
Adrián Sotelo Valencia
: A crise hoxe é o epicentro do terremoto na economía capitalista global. Unha das vertentes que a explican é a insuficiencia do método 'toyotista' (sistema nacido nos 70, baseado na flexibilidade laboral, redución de custos pola redución do persoal laboral, ...) de organización do mundo do traballo a escala global, que lles permita as empresas a autovalorización do capital tanto nos países dependentes -os de Latinoamérica, por exemplo- como nos imperialistas -EUA, Xapón, Alemaña.

Ten solución dentro do mesmo sistema?
Eu penso, ao contrario que moitos autores, que esta crise non vai acabar co capitalismo. Hai poder militar, hai xeopolítica, hai un Imperialismo que opera a escala global, que ten capacidade de reacción. EUA intervén en Iraq, Afganistán, Somalia, ameaza países soberanos como Cuba. O sistema ten aínda con que se manter.

Que diferenzas hai entre este e outros períodos de crise económica precedentes?

As dos 80 e 90 son crises que poderiamos chamar da globalización do capital, mais que a diferenza da de agora ocorren na periferia do sistema. Fáloche por exemplo da mexicana de 1994-1995; da do 97 en Corea; a crise do 98 en Rusia, a de 2000 na Arxentina, ... todas crises que o gran capital podía xestionar.

E agora non?

Agora emerxe no cerne mesmo do aparato produtivo dos EUA. Fóra de que ramifique en crise financeira, inmobiliaria, ... hai unha crise estrutural do sistema capitalista, que ten cada vez máis dificultades para crear o traballo excedente que restitúa a taxa de ganancias e a rendibilidade das grandes empresas. Con todo, EUA ten capacidade para descargar, como está a facer, o peso da súa crise nos países dependentes e subdesenvolvidos.

Cre que vai ir a peor?

Eu calculo unha fase de polo menos un lustro, con cinco anos en que haberá un período de corte de un ou dous anos, e volveremos entrar nunha crise aínda máis profunda ca a actual. Nos 90 xa se observaba unha tendencia á caída do sistema. Só países como China -e India e Corea, en menor medida- medraron a unha media do 12% anual. Cada vez máis, o sistema tende a xerar ciclos de crecemento máis curtos e a prolongar os procesos de crise estrutural. Sen ser trostkista, poderíanse asumir as súas teses sobre a crise permanente do sistema.


RESPOSTAS FRONTE Á CRISE: AMÉRICA LATINA


As cifras de desemprego e pobreza dispáranse no mundo. Pode nacer un movemento a nivel social que se arrepoña á situación?

Eu creo que o hai. Están os vellos movementos, que antes da crise, dende o ataque de EUA ao Iraq, coa presión de Afganistán, etcétera, impediron un ataque masivo sobre Cuba, por exemplo. E hai un conxunto de países, comunidades e persoas, digamos nunha vertente progresista, desenvolvendo alternativas. Falo de Venezuela e Bolivia; tamén Ecuador, Nicaragua e por suposto Cuba -malia as contradicións do proceso cubano; e Brasil, Uruguai e Arxentina, en menor medida. Hai dúas posibilidades: que estes procesos se radicalicen e iso implicaría a toma do poder construíndo sociedades novas máis alá do capitalismo, ou que fracasen.

E fóra dos procesos anticoloniais, unha contestación social nas rúa -eis o caso de Grecia, por exemplo-, máis directamente relacionado coa crise actual ...

Si, si. Eses procesos dos que che falo son contemporáneos. Retoman as súas raíces históricas. A nivel mundial non vai haber cambios substanciais se non se pon á fronte a clase obreira. Vese certa resistencia social en países de Europa como Grecia ou Francia ... mais non é algo polo que se poida apostar. O capital vai tratar de superar a crise trasladando as súas consecuencias nefastas sobre as costas da humanidade. Cómpre reaccionar dende dúas frontes: unha táctica, ante o abaratamento dos despedimentos, os custes do salario e a flexibilización negativa do traballo; e outra como a que se propoñen grupos cunha forte insurrección como os zapatistas, o MST ou a APPO. A alternativa virá da interrelación de ambas as dúas vertentes.

Segundo un informe publicado recentemente polo Programa de Desenvolvemento da ONU, existe un perigo inminente de que Latinoamérica regrese aos niveis de pobreza dos anos 80 ...

A pobreza é parte conxénita do subdesenvolvemento histórico dos países do continente. E en todos os países do mundo. Digámolo dunha vez por todas: No capitalismo non se vai erradicar a pobreza. Porque a pobreza é parte consubstancial do desenvolvemento do capitalismo. A CEPAL e a ONU crean un mito para lexitimar o modelo neoliberal. No último informe xa non falan de "pobreza extrema" e si de "indixencia". Non hai redución da pobreza e polo tanto non estamos ao borde de que se incremente. É simple metodoloxía. Estamos ante un proceso endémico de desemprego, subemprego, insalubridade, enfermidades, ... dado polas condicións de desigualdade, que se vai agravar coa crise.

E en México?

Dende setembro de 2008 e xaneiro de 2009, segundo cifras oficiais, despedíronse máis de 500 mil traballadores. Unha media de seis mil persoas diarias. Esa xente que vai facer? Se agregamos un novo elemento á escena mexicana, que é que os traballadores non van aos EUA procurar chamba, senón que volven de alá, a unha economía en proceso de retroceso ... En 2008 a taxa de crecemento foi de menos do 2%, e en 2009 dise que vai ser do -1% e en 2010, mesmo por debaixo do -2%. Este panorama é o que se vai dar en toda América Latina se os gobernos non toman actitudes de loita de emerxencia social.

Poderiamos dicir que México está menos preparado para afrontar a crise que países que inciden máis na protección social como Venezuela?

Por suposto! Venezuela, dende o punto de vista político, ten un goberno progresista. Goza dunha maior lexitimidade e apoio social. Mesmo tería capacidade militar para afrontar un hipotético ataque de, por exemplo, os EUA, igual que Colombia, co caso das FARC. México, non. O goberno é de dereitas, socialcristián, proestadounidense. Porén, vexo un problema grave en Venezuela e en Bolivia, que son países monoprodutores e monoexportadores, se os seus gobernos non xestionan con destreza a dependencia das súas economías das flutuacións internacionais.

En que sentido?

Pasaría como en México na transición do nacionalismo revolucionario ao neoliberalismo. Antes de 1982 tiñamos un proceso máis nacional, sustentado na substitución de importacións, no desenvolvemento do mercado interno. Logo o goberno de López Portillo especializou o país na exportación de cru, que ía a reserva de EUA. Cando chegou a crise do 82 non houbo onde agarrarnos. Non veu ningún goberno progresista despois: Hurtado, Carlos Salinas de Gortari, e o de Zedillo que lles vendeu os ferrocarrís aos gringos e agora é o seu propietario alá nos EUA. E logo as dúas xestións nefastas do PAN, de Vicente Fox e de Calderón (actual presidente).


PANORAMA POLÍTICO MEXICANO


Hai algunha alternativa política?

Eu coido que si, se non explicitamente, si de xeito social e illado. Tes os zapatistas. Están os movementos populares en Oaxaca e noutros lugares como Guerrero, onde hai presenza de guerrillas. Fortes movementos campesiños no centro do país, como Michoacán. E tamén hai unha forte contestación da comunidade mexicana en EUA; hai pouco foi a xornada de 'Un día sen mexicanos' e EUA era unha merda, todo sucio. O que fai falla é procesar todas esas iniciativas populares para construír unha organización independente do Estado, do capital e dos partidos, que lle fan o xogo ao poder.

Non hai ningunhas siglas actualmente que poidan aglutinar e desenvolver esa alternativa?

Non, non as hai. Hóuboas no período do 2000 cando se lanzou o candidato do PRD, López Obrador. Mais hai unha grave fractura interna. Non creo que vaia haber un cambio no proceso de 2012 (presidenciais), vai ser máis do mesmo. Quen posibelmente dea o salto ha ser o PRI, que malgobernou ditatorialmente o país durante 72 anos. O PAN está nunha profunda crise. O PRD está caendo e vaise presentar dividido. Os únicos que se recuperaron son a xente do PRI, que xa varreron en Iucatán e no Estado de México ...

Pode ser esa escisión no PRD a esperanza da alternativa?

Dende o punto de vista legal, vai haber dous candidatos, que van dividir o voto, e vanlle facer favor ao PRI. En México a votación é universal, directa e secreta, non proporcional; aínda que vote unha minoría do país, se gaña por un voto xa gañou. Dende o punto de vista social, coido que si pode haber un desprendemento das bases sociais do partido cara a unha nova constelación política de forzas que propoñan unha alternativa, non estritamente electoralista, que usen outras formas de loita e organización.

Cando se fala de México hai dous problemas endémicos recorrentes que sempre xorden: a corrupción e a violencia. Que hai de mito e de realidade nesta cuestión?

A corrupción é unha constante, un factor de xeración de capital en México: é un negocio. Porque a xente non se corrompe por se corromper; corrómpese porque é un medio de vida para moitísimas clases, desgraciadamente tamén para as populares. Agora, da violencia non se pode falar en abstracto. Quen son os violentos? A dos narcotraficantes é un tipo de violencia, mais tamén o é a do Estado, que en México é sumamente violento e represivo. Hai máis de 500 presos políticos. Os medios usan esta realidade do narcotráfico para maximizar o problema e xerar un efecto ideolóxico que fai que a xente crea que o Goberno é incapaz de gobernar o país.

Con que fin?

Pois para lexitimar unha hipotética intervención de EUA en México. Os exemplos máis claros témolos no Plan Mérida e no Plan Colombia. Obama, logo de liberar os cartos para recuperar o aparato produtivo, liberou os fondos para o Plan Mérida, que estabelece un corredor de maquiladoras (empresas importadoras de materia prima que non pagan aranceis) dende Puebla até Panamá. Isto supón varrer todas as poboacións indíxenas. Mais precisan de seguridade, e que mellor que ter alí as súas tropas, se non directamente, disfrazadas. É unha explicación a este proceso de violencia nos medios. Antes non se falaba de México e agora faise todos os días, mais para mal.

Fóra desta situación, en que medida lle pode beneficiar a México o cambio na Casa Branca?

Aínda que certamente hai diferenzas entre unha Administración demócrata e outra republicana, non vai haber un cambio de sistema. A esencia da xeopolítica de EUA cara a América Latina vai ser a mesma que a da era Reagan-Bush. Pode que sexa máis factíbel un acordo entre gobernos en materia de inmigración. Mais Obama non dixo nada de se vai renegociar o Tratado de Libre Comercio nefasto que temos cos gringos e que desfixo o agro mexicano, baixou salarios, e destruíu empregos. Ao contrario, esta Administración, a diferenza da de Clinton que tivo o seu auxe coa chamada New Economy, afronta unha recesión moi profunda. É de esperar que Obama se centre moito nesta fase recesiva e arrastre os mexicanos a ese ciclo, como sempre fixo historicamente.

Imaxinemos que vostede chega á Presidencia de México. Que pasos daría para afrontar este período convulso?

Nós en México temos un esquema monárquico: o rei alí chámase presidente. O presidencialismo xurdiu na época da colonia, dende o XVI-XVII. É como se fose o rei ... segue sendo o rei, como di a canción ... Así que as medidas non as tomaría eu como persoa. Agora, o primeiro sería proclamar unha política de salvación nacional para evitar a destrución do país. Segundo, xerar a partir do petróleo e doutras fontes enerxéticas e agrícolas un modelo de desenvolvemento social, fundado nunha diversificación das industrias; incorporando tecnoloxía, forza de traballo, comunidades alternativas que puidesen constituír un primeiro proceso que impida realmente a desintegración e a ruptura da nación.

Temos que recuperar procesos abandonados como a agricultura para xerar unha economía alimentaria, popular, alternativa, que rache coa superexplotación e a desnutrición infantil. Aí si que teriamos que recordar o vello 'cardenismo' mexicano: unha educación social moi forte. Educación, alimentación e saúde, como os tres alicerces fundamentais para, de entrada, comezar a reverter o proceso.


4,28/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"Crise, resistencias e alternativas. Unha perspectiva desde México" foi o título da conferencia de Sotelo Valencia
"Crise, resistencias e alternativas. Unha perspectiva desde México" foi o título da conferencia de Sotelo Valencia
O sociólogo mexicano ten unha obra publicada na nosa lingua
O sociólogo mexicano ten unha obra publicada na nosa lingua