Moratinos comparece para expor a postura, ambigua, do goberno español. O BNG, entre os máis críticos, pediu o recoñecemento da RASD.
O xefe da diplomacia española, Miguel Ángel Moratinos, considerou este luns ante a comisión de Asuntos Exteriores do Congreso dos Deputados que cómpre un acordo entre as partes no conflito do Sáhara Occidental. Porén, non ocultou que o Estado Español apoia, como iniciativa "positiva", o plan de autonomía de Rabat, malia que lle pecha a porta ao referendo de autodeterminación.
O ministro considerou "ineludíbel" que os EUA, o Estado Francés e o Español, "os tres países máis interesados na procura dunha solución definitiva", aproveiten a "sintonía" existente e "actúen conxuntamente para forxar unha vontade única das partes, exixíndolles maior responsabilidade". Washington, París e Madrid "nunca estiveron de acordo" en máis de tres décadas de conflito.
Moratinos tamén pediu "consenso" parlamentario. O Partido Popular, a través do seu portavoz na comisión, Gustavo de Arístegui, amparou a solicitude, e resaltou a "responsabilidade" que o Estado Español, como antiga potencia colonial, ten co Sáhara. "Sería absurdo, inxusto e un gravísimo erro político negalo", dixo.
De Arístegui sinalou que para alcanzar unha "solución viábel" as dúas partes deben facer "sacrificios". Ademais, o voceiro do PP cualificou de "paso importante" o plan de autonomía para o Sáhara presentado por Marrocos. Con todo, quixo deixar claro que non o apoiarán se é "xeral e paralelo" a un plan autonómico para todas as rexións, xa que suporía "disfrazar a autonomía".
"Grandísimos esforzos dos saharauís"
Moito máis crítica foi a voceira do Grupo Mixto e deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, que lle reclamou ao goberno español que "dea pasos" para o recoñecemento da RASD, á vez que recordou a súa "responsabilidade" no conflito logo de "abandonar" os saharauís en 1975. "Os saharauís fixeron grandísimos esforzos" para a organización do referendo de autodeterminación, mais Marrocos foi "responsábel de non se levar a cabo".