Os membros do colectivo reclaman máis investimentos para a súa zona, e nun acto reivindicativo, plantarán varias árbores ben perto do Sil.
Os membros da Plataforma pola Defensa da Ribeira Sacra desenvolven, este domingo ao mediodía no Pombeiro, en Pantón (Terra de Lemos), a carón do Sil (ollen no mapa a carón desta información), un acto de plantación de árbores autóctonas. E ao tempo, coa outra man, han asinar un documento de compromiso, para que o Goberno invista cartos na zona fronteiriza entre Ourense e Lugo, que consideran está un bocado abandonada.
Un pobo que precisa servizos básicos e que coiden a súa contorna natural
Participarán membros desta Plataforma dos concellos de Chantada e Monforte, varios empresarios de turismo rural e grupos ecoloxistas, no que pretende ser un acto aberto e participativo para que os veciños das aldeas dos Peares, Nogueira, Cibrisqueiros, Pantón e Pombeiro poidan ter voz ante os seus representantes políticos no Goberno.
Contra as navalladas nos canóns do Sil
Ademais disto, a Plataforma xúntase para pedirlle ao Goberno entrante que paralice os proxectos de concesións hidroeléctricas en Peares II, Santa Cristina, Ponte Novo, Santo Estevo II e San Pedro, que, segundo salientan dende este colectivo, só están encamiñados a "destruír a fauna e a flora, sen esquecernos do dano ambiental que vai ser regresivo".