O depósito estase efectuando nunha canteira abandonada dende 1957, propiedade de Iberdrola, e situada preto do embarcadoiro de Loureiros. A canteira foi utilizada para sacar pedra na construcción do encoro de Santo Estevo e posteriormente foi abandonada. Por suposto, non sorprende que naquelas datas Iberdrola non realizara ningunha corrección dos impactos ambientais das obras.
No entanto, xa en pleno século XXI Iberdrola segue tomándose a lexislación ambiental a chufla, e facendo o que quere coa Ribeira Sacra. Os seus proxectos de novas centrais hidroeléctricas van destruir a paisaxe da Ribeira Sacra, perxudicar ao turismo durante anos e desfacer con total impunidade a Rede Natura. Iso sí, seguen a gastar moreas de cartos nunha indecente publicidade verde.
O seu comportamento, máis propio da época colonial, acaba de ser denunciado no Parlamento Europeo: os parlamentarios Josu Ortuondo e Ignasi Guardans, pertencentes ao grupo Galeuscat,, presentaron xa unha Pregunta escrita á Comisión Europea a instancias dos ecoloxistas galegos.
É necesario pararmos os pés a Iberdrola para que deixen de ter dereito de pernada sobre o noso patrimonio natural: as administracións galega e estatal deben paralizar estas obras e reiniciar a escurantista e patética tramitación ambiental do proxecto, que se realizou sen información aos afectados e non contempla os graves problemas que ocasionará ao turismo e á economía da zona.