É obra do partido Plaid Cymru, onde cren que as novas xeracións teñen forza para facer un estado soberano en Europa "de aquí a 20 anos".
Adam Price, membro do Parlamento Británico, en representación do partido Plaid Cymru (Partido de Gales), abriu a web Wales Can, un lugar na rede no que os usuarios poidan discutir os beneficios que a independencia traería ao País de Gales.
Segundo este parlamentario, as novas xeracións deberían facer realidade un Gales independente, que podería ser un Estado soberano en Europa de aquí a uns 20 anos.
A web achega artigos e vídeos relacionados cunha posíbel independencia, rebatendo os meirandes e os máis pequenos argumentos esgrimidos dende o Reino Unido para que o país non dea este paso.
O portal presentouse na mesma semana que a eurodeputada galesa Jill Evans, do mesmo partido, lle preguntou á secretaria de Estado dos EUA, Hillary Clinton, se o seu país apoiaría a nacións sen estado, "coma Cataluña, Gales ou Escocia", que quixesen declarar a independencia. Clinton, que participaba nunha xuntanza con estudantes e con mozos europeos en Bruxelas, díxolle que os EUA han evitar toda inxerencia nos asuntos internos doutros estados.