Un informe da Comisión Europea constata que unha administración pública pode aforrar moito diñeiro substituíndo os produtos de Microsoft.
A Xendarmería francesa fixo cálculos do que aforrou por cambiar de Windows a Ubuntu Linux, e resultou que dende o ano 2004, cando comezou o proceso, evitou gastar 50 millóns de euros. O organismo público ten previsto rematar a migración do seu software no ano 2015, coa instalación do sistema operativo libre en 90 mil computadores.
Hai catro anos, o corpo de seguridade comezou o proceso de transición substituíndo Microsoft Office por OpenOffice.org. Despois foi introducindo outras solucións libres, como o navegador Firefox e o cliente de correo electrónico Thunderbird. Pero o paso máis difícil foi cando se cambiou o sistema operativo, de Windows XP a Ubuntu. A decisión tomouse despois da aparición do Vista a finais de 2006 e a súa escasa aceptación.
Polo momento, o GNU/Linux instalouse en 5 mil postos de traballo, e está previsto que se lles sumen outros 10 mil a finais de ano. Para 2015 espérase que se migre toda a infraestrutura, até 90 mil computadores.
O Observatorio Open Source da Comisión Europea publicou un informe que constata que a Xendarmería conseguiu reducir os gastos nun 70% sen que diminuísen a súa eficiencia nin a súa capacidade de funcionamento, o que supuxo un aforro de 50 millóns de euros dende o ano 2004, fundamentalmente en licenzas e mantemento.