Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
A Casa das Atochas celebra un ano de okupación

"Perto de 13 mil casas baleiras na cidade, e andan preocupados pola nosa"

O laboratorio social ocupado da Coruña funciona xa hai 12 meses, e esta semana está de festa e loita, cun programa de actividades arredor do movemento okupa.

Redacción - 19:33 12/03/2009

Serán días de festa e loita no LSO Casa das Atochas da Coruña, que cumpre xa un ano aberto na cidade. Haberá obradoiros, actividades para os pícaros e pícaras, ceas, xantares, cinema e palestras con xentes de diferentes movementos sociais e centros ocupados da península.

A semana de celebracións xa comezou, mais aínda queda programa para a fin de semana e para o sábado que vén. este sábado 14, as actividades comezarán ao mediodía, co teatro de monicreques Trécolo -que representará os contos Sidulfo e o demo e Hipo e Gotera-, e ás 13h00 haberá un Cine Pequeno para nenos e nenas e un obradoiro de Super 8 para rapaces e rapazas de 6 a 12 anos. Ás 14h30 xantarase, e despois da sobremesa comezará unha palestra sobre a Violencia sexista nos movementos sociais, a cargo de Angry Lesbians, no que presentarán o dossier Plantémoslle cara ás agresións sexistas nos espazos liberados.

Máis tarde, ás 20:30 horas haberá un encontro aberto aos centros sociais, no que presentarán os seus proxectos locais como o CSO La Reflexón (Xixón), o M.A.M.B.O (Barcelona); a Casa Encantada (Compostela); a Okupa da ría (Oleiros) o Aito (Compostela); a Itzar Beltz (Euskadi) e A Toixeira (Oleiros); entre outros. A idea é debater sobre a okupación, falar da historia deste movemento no noso país, analizar o futuro da mesma e procurar posíbeis ferramentas para fuxir dos conflitos que se poidan dar. O día terminará cunha cea vegana e unha festa con picadiscos, karaoke, cócteles... e anúncianse sorpresas.

E no sábado seguinte, manifestación pola okupación
No domingo pecharase a feira das distribuidoras, e ás 20h00 desenvolverase unha palestra a cargo de varias persoas chegadas de Grecia, que falarán sobre a revolta iniciada nesta país no ano 2008, que aínda hoxe en día está activa. As actividades continuarán a seguinte semana, de xeito permanente (os luns hai obradoiro de malabares, e asemblea da Casa; os martes asemblea da radio libre Krime; os mércores xantar impopular e obradoiro de expresión teatral; os xoves obradoiro de pandeireta e baile e asemblea anarquista; e os domingos, horta; e sempre, tenda libre e biblioteca aberta).

Mais o sábado 21 de marzo haberá, ás 17h00, unha manifestación pola Okupación, que sairá da casa das Atochas. A seguir, ademais da cea vegana, a xente do Casal Quico Sabaté fará o Ball de Bastóns -ás 20h00-, e ás 20h30 comezará, puntual, o concerto de Mostros -banda de Palma- e Rokin Kies (A Coruña).


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: