Os axentes responsábeis da situación económica, social e ambiental que vivimos serán o albo dunha campaña de "accións directas, non violentas".
A ONG Amarante, a Asociación Caleidoskopio, o Grupo de Axitación Social (GAS) e Verdegaia, recolleron en Vigo unha convocatoria, que no resto do estado desenvolven colectivos como Attac, Baladre, CGT, Ecoloxistas en Acción e a campaña Quen debe a quen?. Trátase de desenvolver unha campaña de "accións directas, non violentas" coa que se sinalen e denuncien as persoas, institucións, empresas e organismos que están directamente implicados na xeración da crise financeira, económica, ambiental e social na que nos atopamos.
A acción, que será descentralizada e no que poderán participar todos os colectivos e persoas individuais que o desexen, consiste en marcar cun punto negro estes espazos e sedes de institucións, empresas, organizacións. Os lugares marcados fotografaranse, e as imaxes presentaranse na web www.lospuntosnegros.org. A campaña comezou esta quinta feira en varias cidades do Estado Español, entre eles Vigo, onde se sinalaron con puntos negros as sedes das entidades financeiras BBVA, Santander, Caixa Galicia e Caixa Nova, e o Club Financeiro.
Mais alén de sinalar os culpábeis, as organizacións que lanzan a campaña queren amosar as alternativas que se propoñen para saír desta situación dende os movementos sociais. Parella á web dos puntos negros, existirá outra con puntos verdes nos que se sinalarán algunhas accións positivas.
Unha das accións que fan parte da campaña de denuncia pública chamada 'Puntos Negros da crise' (en castelán)