A ARMH lamenta a "falta de humanidade" dos senadores, e a "inxustificábel negación de auxilio" do executivo coas familias dos desaparecidos.
Restos exhumados pola ARMH
A proposta do senador Pere Sampol (Bloc per Mallorca) era sinxela. Que se modificase a Lei da Memoria Histórica para que o Estado asumise a exhumación dos milleiros de foxas que aínda quedan esparexidas por todo o Estado, con restos das persoas que foron represaliados durante a Guerra Civil e as décadas de franquismo.
"O tempo apura. Cada día que pasa desaparece un descendente dalgunha vítima da Guerra Civil. Aos que seguen con vida debemos devolverlles os restos dos seus seres queridos para que poidan morrer en paz", dixera Sampol ao presentar a súa proposta no Senado, apelando á "humanidade e á compaixón" dos outros senadores e senadoras. O que pretendía era mudar a lei para que o goberno español non só se limitase a "colaborar" cos familiares, senón que puidese atender directamente as súas demandas. Porén, o Senado tombou a súa proposta, con 233 votos en contra, 11 a favor e 10 abstencións.
Antes mesmo de baixar da tribuna, onde expuxera a súa proposta, Sampol dirixiuse aos seus compañeiros para preguntarlles "que grao de crueldade hai que ter para negarlle aos familiares de xente inocente recuperar os seus corpos?". Despois baixou, e ao pouco tempo volveu subir, antes que ninguén o fixese para rebaterlle a súa postura, para dirixirse en exclusiva aos senadores do PSOE e reprocharlles: "non poden deixar este traballo a medias", xa que, segundo dixo, sería como "ter metido o dedo nas feridas, e facelas máis profundas", no canto de pechalas.
A ARMH cualifica a votación de "incomprensíbel e extremadamente inhumana"
A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) lamentou que o Senado non aprobase a modificación da Lei da Memoria Histórica proposta por Pere Sampol, lembrando que este cambio "tería axudado a milleiros de familias a atopar os seus desaparecidos, e ter unha reparación por parte do Estado".
"Parécenos incomprensíbel e extremadamente inhumano que 233 representantes dos cidadáns neguen a axuda humanitaria a familias que viviron non só o terror de perder un ser querido, asasinado violentamente, senón seren gobernados, durante case catro décadas, por quen promoveu estes crimes", sinalan nun seu comunicado, no que acrecentan que é "difícil" comprender a "incapacidade" deses senadores para poñerse no lugar destes cidadáns "que viven coa angustia de non saber con certeza que lles aconteceu" aos seus familiares, ou que "non puideron darlles unha sepultura digna en todos estes anos".
Ademais, lembran que nesta asociación levan perto de nove anos desenvolvendo exhumacións de foxas comúns, e teñen demandadas, polas súas familias, a máis de seis mil persoas desaparecidas. Neste tempo, a ARMH puido exhumar e entregar case 1.600 persoas, cando non teñen nin sequera un local común no que xuntarse. Nesta liña, denuncian que eles traballan sen apenas financiamento, e que estes foron os seus resultados, cando goberno español "se quixese", podería solucionar "o problema en tres anos".
Está morrendo xente que non recibiu nin verdade, nin xustiza, nin reparación
A ARMH continúa o seu comunicado lamentando a "falta de compromiso dos senadores socialistas", referíndose especialmente a Susana Sumelzo. Esta senadora asegurou, durante as votacións, que a Lei da Memoria Histórica estaba "a cumprir os seus obxectivos", e citou como exemplo os 9,9 millóns que o Ministerio da Presidencia lle concedeu, a modo de subvencións, a tarefas relacionadas coa recuperación da memoria. Nesta liña, a senadora socialista mesmo chegou a acusar a Sampol de "falta se sensibilidade" coas asociacións e coa labor que desenvolven.
Porén, dende a ARMH sinalan que Sumelzo "tratou de xustificar o seu voto negativo con argumentos falsos", como o da existencia desta oficina de Presidencia, que, segundo contan "non está axudando aos familiares dos desaparecidos porque simplemente non existe". Nesta liña, lembran que cada día que o goberno español non procura unha solución a este problema, "están a morrer familiares que non recibiron nestes 30 anos de democracia nin verdade, nin xustiza, nin reparación". "Non é comprensíbel que o goberno non poña as medidas necesarias para socorrer todas estas persoas, e delegue en grupos de voluntarios a responsabilidade dunha labor humanitaria tan importante", conclúen.