O informe dunha ONG británica advirte da hipocrisía das iniciativas impulsadas polas grandes potencias fronte ás economías máis débiles do planeta.
Imaxe recente de Pascal Lamy, director xeral da Organización Mundial do Comercio (WTO)
No marco negociador da Organización Mundial do Comercio (WTO) ou o Acordo Xeral sobre Comercio de Servizos (GATS), as grandes potencias económicas, nomeadamente da Unión Europea, aproveitan para facer panca a prol da barra libre dos bancos occidentais nos país en desenvolvemento. Unha actitude que, paradoxalmente, coincide co debate aberto no contorno da UE sobre a necesidade de mecanismos regulamentadores que aten máis en curto a actividade do sector financeiro en crise.
Así o analizan desde o World Development Movement, colectivo británico que denuncia que a loita contra a pobreza nalgúns países vese dificultada por ese interese da grandes potencias por reproduciren noutras economías o mesmo tipo de erros que levaron ás autóctonas á crise actual. O estudo desta asociación repara en ducias de casos concretos, nos que países latinoamericanos, asiáticos ou africanos sufriron de esixencias dese tipo, sendo obrigados a levantar restricións legais en favor de entidades financeiras da Unión Europea.