Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO ANO 2008

Os embargos hipotecarios aumentaron un 100%

Adicae reclama a paralización daqueles subscritos con entidades que recibiron axudas económicas do goberno e solicita a suspensión do euríbor durante dous anos.

Redacción - 14:30 11/03/2009

O endebedamento dos consumidores é unha realidade e os embargos están cada vez máis á orde do día. Así o demostran as estatísticas, a última a que dá a coñecer a Asociación de usuarios de Bancos e Caixas de Aforro (Adicae), segundo a cal os embargos hipotecarios medaron en Galiza un 100% no pasado ano. Este colectivo reclama a paralización destes procedementos por parte daquelas entidades que se beneficiaron nos últimos meses das inxeccións de capital por parte do Fondo de Adquisición de Activos Financeiros. Así, subliñan que as galegas recibiron importantes axudas económicas: Caixa Galicia (781.603.491 euros), o Banco Pastor (293.504.120 euros) ou Caixanova (375.992.125 euros).

Doutra banda, a capacidade de endebedamento tamén chegou até máximos históricos, superando o 140% en 2008 con respecto á renda dispoñíbel. Adicae acusa desta situación ás "condicións abusivas que nalgúns casos rozan os límites da ilegalidade" que impuxeron as entidades nos contratos dos préstamos. A todo isto hai que sumar que só o 30% dos hipotecados se benefician da baixada do euríbor, por mor da aplicación de cláusulas que limitan a súa aplicación.

Suspensión temporal
Este colectivo fai as súas propostas para amortecer as consecuencias desta delicada situación para moitas familias. Así, ademais de exixir a paralización dos embargos por parte dos bancos beneficiados das axudas, tamén solicitan a suspensión extraordinaria do euríbor durante dous anos, ademais da aplicación do tipo de interese que marca oficialmente o Banco Central Eruopeo (BCE).

Neste sentido, lamentan que as medidas anticrise do goberno "non estean dando resultado", xa que "os bancos ademais de restrinxir o crédito están a empeorar as condicións de comercialización das novas hipotecas e mesmo negan a posibilidade de reestruturar as débedas existentes".


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Non dan as contas: os embargos hipotecarios medraron un 100% en 2008
Non dan as contas: os embargos hipotecarios medraron un 100% en 2008
Adicae exixe que se paralicen os embargos por parte das entidades que se beneficiaron das axudas económicas
Adicae exixe que se paralicen os embargos por parte das entidades que se beneficiaron das axudas económicas