O proceso de preinscrición completouse esta fin de semana para un encontro informático que estrea unha sede con máis capacidade.
Imaxe da edición de 2008, que tivo lugar no Pazo de Congresos de Compostela
Este luns pechouse o prazo de preinscrición para Xuventude Galiza Net 2009, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude. Aínda que nesta ocasión se aumentaron a 1.200 as prazas para o encontro informático, todas elas acabaron esgotándose ao pouco tempo de se abrir a web de preinscrición, o sábado ás 17 horas.
Agora, as persoas admitidas dispoñerán dunha semana para aboar o importe que dá dereito a participar en Xuventude Galiza Net 2009, que ademais este ano fai o seu décimo aniversario. Antes desta fase de preinscrición, os participantes no encontro de 2008 xa tiveron a oportunidade de confirmar a asistencia a este foro, que terá lugar do 3 ao 5 de abril no Multiusos Fontes do Sar, en Compostela.
Será a primeira vez que XGN se desenvolva nese recinto, cunha superficie de máis de 10 mil metros cadrados e un aparcadoiro con capacidade para máis de 500 vehículos. Un ano máis, o operador de cable R ofrecerá unha conexión de alta velocidade de fibra óptica aos asistentes durante as tres xornadas de duración do encontro.
O pavillón central do Multiusos estará ocupado pola intranet, mentres que a extranet (área aberta ao público en xeral) estará emprazada no recibidor da entrada, cuns mil metros cadrados de superficie. Nas oito salas de actividades impartiranse cursos, palestras e obradoiros. Ademais, o edificio conta con todos os servizos necesarios para poder pasar os tres días sen saír do recinto.