A edición de 2009 do encontro informático será no Multiusos do Sar, en Compostela, e contará con máis capacidade e un límite de idade máis amplo.
A edición de 2008 tivo lugar no Pazo de Congresos compostelán
O encontro informático Xuventude Galiza Net chega este ano á súa décima edición. O evento organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade chega con moitas novidades, tal e como se anunciara na pasada convocatoria.
Segundo se informa na web oficial, Xuventude Galiza Net 09 terá lugar do 3 ao 5 de abril no Multiusos Fontes do Sar, en Compostela, o que permitirá contar cunha capacidade moi superior á das edicións anteriores. Isto tamén permitirá que se amplíe o límite de idade: poderán asistir persoas de 16 a 35 anos.
As persoas que se rexistraron na web para XGN08, aínda que non obtivesen praza, teñen sitio asegurado para o décimo aniversario. Só teñen que activar a súa conta e facer o pagamento antes do 31 de xaneiro. O resto da xente pode efectuar a preinscrición como até agora.