A organización pola defensa da lingua anunciou que levará a cabo un traballo incansábel para preservar "a protección xurídica" da lingua galega.
A Mesa pola normalización lingüística emitiu este martes un comunicado de prensa no que manifesta o seu desacordo co anuncio feito polo secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, na Radio Galega ao respecto do galego nas aulas. Rueda falou dunha inmediata derrogación do decreto segundo o que, como mínimo, a metade das horas lectivas impartidas no ensino non universitario deben ofrecerse en galego.
Sobre isto, a Mesa anunciou que traballará "incansabelmente para que o PP non desmantele a protección xurídica do galego". A Mesa lembra a lexitimidade do decreto subliñando que foi apoiado por unha ampla maioría das organizacións que operan en Galiza no eido do ensino.
O comunicado anima ao PP a "non ceder á tentación das imposicións unilaterais", advertíndoos de que "tomar medidas contra o galego suporía crear unha fractura social". Así, a asociación para a defensa da lingua pídelle ao novo goberno "unha postura construtiva coa lingua e a cultura do país, con diálogo coa comunidade educativa e coas outras forzas políticas, que representan a metade do electorado".
Solicítalle ao PP que "deixe de mentir"
No comunicado úsase a retranca para advertir de que "gañar as eleccións non fai que a demagoxia e as falsidades se convertan en verdades". A frase fai referencia á lexislación existente actualmente no ensino que tanto criticou o Partido Popular, e que, recordan, foi "negociada no ano 2007 punto por punto co PP" dun xeito semellante ao que o propio Partido Popular fixo noutras zonas do Estado.