O sucesor de Jörg Haider consegue un importante apoio nos comicios rexionais celebrados este domingo no país centroeuropeo.
O gobernador de Carintia, Gerhard Doerfler (BZÖ) celebrou os resultados
Novo triunfo da ultradereita austríaca, logo de que rexurdise nas eleccións lexislativas no pasado setembro. Agora a cita electoral eran os comicios rexionais, que se disputaban en Carintia e en Salzburgo. Nun clima de incerteza ante o que podería pasar trala morte do seu líder, Jörg Haider, o partido Alianza Para o Futuro de Austria (BZÖ) obtivo a maioría na primeira destas circunscricións. Obtivo máis do 45,5% dos votos e derrotou así aos socialdemócratas de centroesquerda (SPÖ), que viron descender o seu apoio en 10 puntos porcentuais, obtendo un 28,6%.
Discurso xenófobo
Gerhard Dörfler, sucesor de Haider, precisará agora dun socio de coalición, xa que non conta coa maioría absoluta, mais amosouse moi satisfeito cos resultados. Durante a campaña electoral, reiterou a mensaxe xenófoba e hostil cara a Unión Europea que xa lle proporcionara bos resultados ao seu antecesor.
Mentres, en Salzburgo, os socialdemócratas perderon tamén apoio nas urnas, se ben se manteñen como a primeira forza política deste estado federado, seguido dos conservadores do Partido Popular Austríaco (ÖVP). Pola súa parte, o BZÖ non obtivo representantes nesta circunscrición, aínda que viron medrar o seu apoio.