Israel alegrouse da decisión, xa que consideraban o encontro como anti-semita.
Israel amosou hoxe a súa alegría pola decisión de Estados Unidos de boicotear a Conferencia Durban II das Nacións Unidas sobre racismo, ao tachar o encontro de anti-semita.
Un responsábel do Departamento de Estado confirmoulle este sábado ao xornal The Washington Post que os EUA finalmente decidiron non participar ao se opoñeren ao documento que está en discusión nesta xuntanza. A comezos de febreiro, unha delegación estadounidense estivo en Xenebra, onde se desenvolverá este encontro en abril, para participar nas negociacións preliminares da conferencia. Alí, os enviados discordaran co contido previsto, considerando que o texto individualiza "inxustamente" a Israel como albo de todas as críticas.
"Cuberta cun manto de loita contra o racismo, esta conferencia é realmente anti-semita e anti-israelita. A decisión dos EUA debe servir de exemplo a outros países que compartan os noso valores", declarou a ministra de Asuntos Exteriores e viceprimera ministra do Estado de Israel, Tzipi Livni nun comunicado, citado pola axencia AFP. "Felicito os EUA por esta decisión, que proba que a Administración americana é fiel aos seus compromisos con Israel. "É unha proba máis dos lazos estreitos que unen os nosos dous países", comentou tamén nun comunicado Sylvan Shalom, deputado do partido Likud.
O encontro, marcado para abril, ten como obxectivo revisar os progresos da declaración da Cimeira Mundial contra o Racismo, a Discriminación Racial, a Xenofobia e a Intolerancia, de 2001, realizada en Durban, en África do Sur.