Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NA TELEVISIÓN

As mulleres, condenadas ao rol doméstico

Un estudo revela que a figura feminina segue representándose cos mesmos tópicos: vencellada ao mundo das emocións, á pasividade, á maternidade e ao sexo.

Redacción - 17:30 28/02/2009

Cal é o papel que as series de televisión lle reservan á muller? Esta foi a pregunta que se fixo Elena Galán, profesora de Comunicación Audiovisual e autora do estudo Construción de xénero e ficción televisiva. As súas conclusións non son moi alentadoras: malia a evolución e transformación dos personaxes femininos en series de ficción nos últimos anos, seguen a repetirse estereotipos asociados ao xénero.

Para que o público non pense demasiado
Malia que cada vez é máis palpábel a presenza de mulleres traballadoras na pequena pantalla, seguen sendo elas as que sustentan e preservan a orde no ámbito doméstico, mesmo sacrificando o seu crecemento profesional. É máis, segundo este informe publicado pola Universidade Carlos III de Madrid na revista Comunicar, "as mulleres preséntanse como personaxes conflitivos, dependentes e inseguros, máis ligadas ao emocional que ao racional, cometendo por iso algunhas neglixencias no seu traballo".

Como profesional do mundo audiovisual, a autora subliña que a utilización deste tipo de estereotipos é un recurso moi utilizado en televisión porque a repetición de modelos facilmente identificábeis polo público fai que comprendan o argumento da ficción máis rapidamente: "é como dar ao público o que agarda, sen que pense demasiado ou teña que rachar cos seus propios prexuízos".

Pequenos avances
Con todo, o estudo recoñece que o xénero feminino comeza a incorporarse a cargos profesionais que antes só desempeñaban personaxes masculinos. "Normalízase así unha situación", di Galán, "de xeito que o telespectador poida ir familiarizándose con novos modelos". Do mesmo xeito, subliña que as mulleres acapararon nos últimos anos papeis protagonistas nas series de ficción como consecuencia do seu maior poder adquisitivo e dos cambios sociais. Como exemplos, cita ás estadounidenses Sexo en Nova York ou Mulleres Desesperadas, segundo di "interesadas nun novo modelo feminino, que traballa fora da casa e demanda outro tipo de argumentos".

Mulleres detrás das cámaras
Doutra banda, a autora apela á falta de mulleres na profesión, tanto de directoras, como de guionistas e produtoras, o que impide unha "visión compartida da realidade" que finalmente se traduce nunha perspectiva masculinizada no produto audiovisual. Ademais, exixe unha "maior responsabilidade con aquilo que están narrando", xa que entende que os medios de comunicación deberían actuar "como altofalantes e mediadores" da realidade e coidar o xeito de construír os argumentos.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: