A igualdade imperou durante todo o choque con predominio das defensas sobre os ataques.
O Multiusos Fontes do Sar santiagués acadou a súa mellor entrada para un partido do Beirasar Rosalía esta temporada, con cerca de tres mil espectadores. Ambas as dúas afeccións, conscientes da importancia do derbi para os dous conxuntos, encheron o pavillón de cánticos de toda clase xa desde antes do comezo do choque. Os locais seguen xogando cada compromiso a cara ou cruz, conscientes de que cada derrota pode achegalos cada vez máis ao descenso de categoría. Pola outra banda, o Leite Río Breogán chegaba coa comodidade que lle outorgaba a súa segunda posición na táboa, pero coa obriga de non fallar para acadar o obxectivo do liderado na liga regular, que outorga o ascenso directo á Liga ACB.
Desde o comezo do partido palpouse ese nerviosismo nos dous conxuntos, que xogaban a non perder máis que a intentar ir pola vitoria. As imprecisións sucedéronse nas dúas canastras xa desde os minutos iniciais, onde quedaron claras as estratexias dos dous equipos. O Rosalía buscaba facer dano aos breoganistas deixando os seus ataques nas mans dos seus pívots, mentres os lucenses preferían darlle o balón aos exteriores para buscar penetracións e tiros fáciles. Pero ambos os dous conxuntos parecían ter memorizada a mesma verba nos seus esquemas: defensa.
O derbi desenvolveuse baixo estas premisas ata o descanso, onde o Breogán chegou por diante cun escaso marcador de 22-24. E coa reanudación do xogo nin composteláns nin lucenses pareceron variar as súas estratexias. Montañana e Taylor erixíanse como os arietes principais do ataque rosaliano, mentres no conxunto breoganista apenas respondían Dani López e Gloger. A pesares disto, os visitantes conseguiron unhas mínimas vantaxes (a maior chegou a ser de sete puntos) que o Rosalía se encargaba de ir recuperando. Con igualdade no electrónico nos minutos finais, o Beirasar soubo canalizar con acerto a súa ansiedade por gañar, e a súa maior agresividade, loitando cada balón coma se fose o
último, decantou a balanza do seu lado.
Con este resultado de 58-53, o Beirasar Rosalía colócase a tan só unha vitoria do Illescas, antepenúltimo clasificado da Liga LEB-Ouro, que marca a salvación. Pola contra, o Breogán continúa segundo, un triunfo por debaixo do líder Alicante, pero á espera do que fagan este sábado os seus principais rivais. Precisamente o próximo compromiso do conxunto lucense será ante o primeiro clasificado, o vindeiro sábado no Pazo dos Deportes de Lugo. O cadro compostelán visitará este venres a cancha do Vic.
Beirasar Rosalía (58): Taylor (14 puntos), Cebular (12), Nana (6), Montañana (13), Legasa (2) –quinteto inicial- Vallmajó (7), Dedas (3), López (0), Fontet (1).
Leite Río Breogán (53): López (11 puntos), Gloger (10), Gomes (5), Román (2), Cusworth (9) –quinteto inicial- Uriz (5), Corbacho (3), Morentin (3), Clark (2), Phillips (3).