Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Evolución

Comeza o Ano Darwin

A comunidade científica e educativa prepara diversas actividades para 2009, no 200º aniversario do nacemento do científico inglés -esta quinta-, e o 150º -a finais de ano- da publicación de 'A orixe das especies'.

Fernando Arrizado - 12:00 12/02/2009
Libra esterlina de conmemoración

Libra esterlina de conmemoración

Charles Darwin, nacido hai exactamente 200 anos, puxo o ser humano no seu sitio ao o incluír na longa historia da evolución das especies, desmentindo a crenza dunha creación divina e fundando a bioloxía moderna, antes de ser recuperado con fins racistas ou euxenistas.

O científico inglés, do mesmo xeito que outros naturalistas que o precederon, atopou nos animais moitas características comúns e tratou de explicar a orixe das mesmas. Quixo comprender, por exemplo, por que todos os que teñen pico teñen tamén plumas, ou por que todos os que teñen membros teñen tamén vértebras.

Baseándose na xeoloxía, demostrou que as especies evolucionaron a través da selección natural, que favorece algúns trazos (tamaño, cor, forma) ou comportamentos dos organismos vivos nun medio ambiente dado.

A lei explica a longa historia da vida na Terra, dende a aparición de organismos unicelulares até os mamíferos e o home. Revelada en 1859, n'A orixe das especies, a teoría de Darwin causou escándalo entre os que crían na creación divina de especies inmutábeis.

Precisamente, o vindeiro 24 de novembro cúmprense 150 anos da publicación da primeira edición da obra, cuxo título completo e orixinal é On the Origin of Species by Means of Natural Selection, or the Preservation of Favoured Races in the Struggle for Life e que non se pode entender sen as sucesivas achegas introducidas por Darwin en edicións posteriores.

Uso espurio do darwinismo
O pensamento de Darwin foi rapidamente utilizado por algúns dos seus contemporáneos para xustificar, co lema de "a supervivencia do máis apto", o dominio da raza branca ou dos países occidentais, así como a diferencia de clases.

É o coñecido como 'darwinismo social', un concepto anticientífico que invocou indirectamente o Nobel James Watson para 'explicar' as carencias no desenvolvemento dos países onde a poboación maioritaria é de cor negra. Charles Darwin, firmemente oposto á escravitude, usaba a palabra raza nos seus escritos só para designar unha forma entre outras de variabilidade dentro da especie humana.

Dende hai 150 anos, o pensamento darwiniano completouse grazas ás achegas da xenética, descrita por vez primeira por Gregor Mendel en 1866, mais que Darwin non tivo nunca en conta. A bioloxía evolutiva, eclipsada nos anos 1950 polo descubrimento do ADN e dos procesos físico-químicos nas moléculas, rexistra un novo auxe dende hai dúas décadas.

Exposicións e palestras

No noso país, a comunidade educativa e científica conmemora ambas as dúas efemérides con diversas actividades ao longo de todo este 'Ano Darwin'.

A USC, baixo o título Darwin e a evolución, organizará conferencias, mesas redondas, ciclos de cine e música; editará dous volumes; e elaborará unha exposición interactiva centrada na incidencia do pensamento evolutivo en Galiza. Ademais, está prevista a presentación de diversos traballos experimentais onde se analiza o darwinismo dende a visión do alumnado de primaria e secundaria.

O profesor de Historia Medieval da Universidade de Boston, Thomas Glick, iniciará o 3 de marzo o ciclo de conferencias programada disertando sobre 'O pensamento evolutivo en Novoa Santos'. Entre outros dos participantes anunciados están expertos como Juan Luis Arsuaga, Ginés Morata, José Luis Sanz, Marcos González, Luis Rodríguez Camarero ou Gonzalo Álvarez.

Tamén están previstas actividades en diferentes puntos do país. Por exemplo, os Museos Científicos da Coruña acollen exposicións sobre Darwin e as súas teorías. Tamén na Comarca de Santiago, en Ames e Bertamiráns, haberá diversas mostras, así como noutros concellos do país.


Ligazóns

4,91/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: